Os socialistas escoitan en Gondomar ás empresas de lecer infantil en Galicia

A Praza da Paradela de Gondomar, recuperada para as veciñas e veciños grazas á Deputación de Pontevedra, acolleu este sábado un encontro-mitin do PSdeG-PSOE coa participación do alcalde, Paco Ferreira, as candidatas Marina Vidal e Leticia Gallego, o secretario xeral dos socialistas da provincia de Pontevedra, David Regades, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

“Hoxe quedou claro que Gondomar tamén quere un cambio na Xunta, unha Xunta que da man de Gonzalo Caballero apostará por Gondomar, asegurando investimentos como xa o estamos facendo dende a Zona Franca e desde a Deputación”, afirmou Regades.

Ademais, o secretario xeral provincial e o alcalde de Gondomar mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Empresas de Galicia de Lecer Infantil, que trasladaron que se atopan nunha situación de abandono, esquecidos na desescalada e condenados practicamente a pechar.

A entidade vén de ser constituída en datas recentes para facer fronte á difícil situación á que se viron abocadas por mor da Covid-19 e do abandono da Xunta. As representantes desta entidade, Jessica Ibáñez e Catalina Lorenzo, denuncian o desleixo e abandono do que son obxecto estas empresas, xa que, aínda que mantiveron varios encontros con representantes da Xunta de Galicia, as promesas de axudas e de apoio que lles fixeron quedaron en nada.

Ibáñez e Lorenzo denunciaron que as súas empresas foron das primeiras en pechar e das últimas agora en abrir, pero o fan sen opción de usar inchables, parques de bolas ou xoguetes, obrigándolles a garantir o distanciamento de seguridade entre nenas/os, algo totalmente inviable cando o sentido mesmo deste tipo de espazos é que os nenos xoguen de xeito conxunto.

E aínda peor, engadiron, o presidente da Xunta vén de deixar a estas empresas aos pés dos cabalos “cando sinala as nosas empresas como posible foco de contaxio do coronavirus”. As empresarias denuncian, ademais, que a Xunta lles prometeu que lles igualaría as condicións de apertura e de funcionamento ás ludotecas e escolas infantís, aplicándolle criterios de carácter educativo e agora vénse regulados polos mesmos criterios que calquera outro comercio. Unha situación que tamén contrasta coa recente autorización para a reapertura dos parques infantís.

Conciliación familiar

Segundo a listaxe da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE), en Galicia hai 301 empresas vencelladas directa ou indirectamente a este sector, que agrupa parques infantís ou parques de bolas de carácter privado. Supón o 30% das empresas deste sector en España.

Ademais do peso que teñen no conxunto, cabe destacar tamén que este tipo de empresas desenvolven un importante papel no ámbito na conciliación familiar, máis importante se cabe nestes momentos en que nais e pais teñen moi limitado conseguir alternativas para conciliar traballo e coidado dos pequenos.