A Marea Galeguista aposta en Couso por un monte diverso, de produción sustentable e emprego de calidade

A cabeza de lista por Pontevedra da Marea Galeguista, Peque González, e a número tres pola provincia, Sara Valenzuela, visitaron o proxecto sustentable da Comunidade de Montes de Couso, acompañados polo concelleiro de Gondomar Antonio Araúxo. “As administracións teñen que apoiar este tipo de proxectos porque son o futuro. Son proxectos que requiren tempo e neses momentos é cando máis hai que estar cos produtores”, dixo a candidata.

“Nós, desde o principio, -dixo o presidente da comunidade de Montes, Xosé Antón Araúxo- apostamos por potenciar o monte e pensamos que ten unha capacidade enorme de crear postos de traballo. A política forestal da Xunta non se pode limitar a eucalipto e piñeiro. Iso só lles é rendible ás grandes consumidoras, como o é ENCE. Ás comunidades de montes déixanos un rendemento moi baixo”.

A candidata, que visitou as plantacións de arandos, framboesas e cogomelos shitake, lembrou que o futuro ten que pasar por unha nova política: “O forestal é un sector estratéxico e ten que mudar o xeito no que é tratado: non está xestionado, consiste unicamente en plantar, cortar e apagar lumes. Temos que apostar por unha transformación do sector para maximizar a rendibilidade procurando produtos de máis valor engadido e emprego de calidade. O traballo da Comunidade de Montes de Couso é un claro exemplo exemplo do que nós propoñemos”.

Peque González lembrou tamén o agravio que sofre o rural ante as grandes empresa privadas que sacan rendemento do seu monte: “O potencial forestal galego debe dar moito máis do que vén dando ata o día de hoxe. Non pode ser que empresas como ENCE ou outros actores controlen o sector mentres as comunidades rurais non obteñen rendemento”.