Os socialistas afirman que unha nova Xunta de Galicia atenderá as necesidades de Nigrán

A candidatura do PSdeG-PSOE pola provincia de Pontevedra visitou o Concello de Nigrán, onde mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde, Juan González, e membros do grupo municipal para coñecer de primeira man as necesidades dun dos municipios que é referencia do turismo galego e da marca Rías Baixas. O secretario xeral provincial, David Regades, amosouse sorprendido polo nivel de ausencia do Goberno galego nun concello tan relevante.

Regades incidiu no cambio que supuxo a chegada de investimentos ao polígono de Porto do Molle a través do Consorcio da Zona Franca de Vigo, no que están comprometidos 6 millóns de euros este mesmo ano para a construción dun complexo de naves de aluguer. “Agora é o momento de dalo cambio”, recalcou.

Juan González explicou que leva 5 anos pedindo á Xunta de Galicia a mellora do tramo urbano da estrada autonómica que entra na vila pola rúa de Otero Pedraio, sen recibir ningunha resposta. “Temos unhas beirarrúas que están completamente en ruínas e, se non son as peores dunha estrada autonómica en toda Galicia, pouco lle falta”. A fartura do alcalde de Nigrán, tras tanto tempo de xestións infrutuosas levoulle hai 3 meses a solicitar a transferencia desta vía, pero tampouco obtivo resposta algunha.

A obra de urbanización, cun custo económico estimado de 2 millóns de euros, será asumida polo Concello e irase executando na medida das posibilidades. Juan González insiste en que Nigrán non pode permitirse outros catro anos dunha Administración galega “cun Feijoo que ten un mapa de Galicia no seu despacho no que Nigrán non existe”.

David Regades subliñou que será unha nova Xunta, presidida por Gonzalo Caballero, a que atenderá as necesidades de Nigrán escoitando ao seu alcalde e dándolle á veciñanza a seguridade de que os investimentos autonómicos chegarán a este municipio en pé de igualdade co resto de concellos galegos. “O modelo caciquil da Xunta xa é cousa do pasado, hai que entrar no século XXI”, insistiu.

O alcalde concluíu que tras 5 anos á fronte deste municipio non pode citar colaboracións da Xunta de Galicia para resolver os problemas da veciñanza, mellorando os servizos, e o Concello viuse abocado a afrontar en solitario investimentos tan onerosos como o abastecemento de auga ou o saneamento, mentres a Xunta de Galicia dedícase só a recadar o canon de auga, un imposto oculto no recibo municipal, e que non reverte a Nigrán de ningún xeito.

2020-07-04 - NIGRÁN 04.06.2020