Nigrán investirá 250.000 € na rehabilitación do muíño de Porto do Molle

O Concello de Nigrán investirá 250.000 euros na rehabilitación integral do muíño de Porto do Molle, situado en pleno parque empresarial ao carón do río Muíños e en estado ruinoso desde hai máis de 30 anos pese ao seu gran valor histórico e etnográfico. Así, o obxectivo do proxecto é reparalo respectando ao máximo a súa orixinalidade e poñelo a funcionar mediante a reposición dos mecanismos actualmente desaparecidos e da disposición dunha nova canle hidráulica. En definitiva, o Concello desexa por en valor esta edificación tradicional de excepcional interese cultural.

A construción, de gran valor histórico e catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC), é unha das máis grandes da comarca cunha planta rectangular de 25 x 6,5 m e chegou a ter tres moas en funcionamento, pero debido ao paso do tempo ten importantes perdas nos muros e carece de cuberta e maquinaria e mesmo de canle hidráulica. Trátase dunha edificación do S.XVIII que consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volume no que o soto está aberto ao exterior mediante tres arcos de medio punto polos que ía a auga tras moverse o mecanismo de rotación; as obras e movementos de terra no parque empresarial implicaron soterrar a súa canalización de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que actualmente non poderían funcionar os aparellos, sen embargo, o proxecto contempla activar unha das tres moas orixinais creando un circuíto pechado que empregue un estanque anexo á construción. Co fin de respectar ao máximo a súa factura orixinar, o Concello conta para realizar o proxecto co propio asesoramento de Ángel Fernández Misa, fillo dos últimos muiñeiros e quen viviu nel ata os 20 anos de idade. “Era o muíño máis produtivo de todo Nigrán, ao que viña máis xente, porque tamén era o máis barato”, recorda Lito.

Esta restauración, ademais de implicar un estudio histórico e control arqueolóxico da mesma, implica repoñer e acondicionar a envolvente do edificio, restaurar os paramentos da edificación e infraestruturas hidráulicas e, finalmente, recuperar e repoñer os elementos xa desaparecidos de roturación e trituración. Así, na sala correspondente ao propio muíño exponse unha intervención mínima instalando unha cuberta de madeira de castiñeiro con cerchas e correas, tal e como tradicionalmente se facía, e, adicionalmente, no chan se repararán as grandes lousas de granito que estean deterioradas. Na sala que era vivenda ou almacén crearase unha pequena sala de exposicións ou multiusos cun sistema estrutural moderno a base de madeira laminada e tirantes de aceiro, ademais, instalaranse dous aseos, un deles adaptado a persoas con mobilidade reducida (unha zona do cerramento desta sala está derruída e será reconstruída en formigón para que contraste co muro de granito existente). O edificio manterá tres accesos independentes: o do propio muíño, o da sala e un central que da ao vestíbulo desde onde acceder ás dúas salas ou wc. A maiores, contémplase intervir na zona verde da contorna do muíño, onde os desniveis de terras se adaptarán mediante bancais para permitir contemplar mellor todas as partes do muíño.

“Esta actuación, unida ao proxecto de rehabilitación das marxes do río Muíños e ao seu espazo deportivo próximo, farán desta contorna de Porto do Molle un dos lugares de esparexemento máis destacados de Nigrán. Queremos que este muíño recolla a tradición muiñeira que pon nome precisamente a este río, polo que expuxemos unha exposición permanente ao respecto e, por suposto, que poida funcionar para facer muiñadas a modo divulgativo”, resume o alcalde, quen incide en que para levar a cabo o proxecto, actualmente en fase de redacción, será preciso obter diferentes autorizacións sectoriais da Xunta de Galicia, para ás que agarda a máxima celeridade.