“Baiona non contratará este verán a ningún operario da limpeza mediante o Plan Concellos”

O PP de Baiona lamenta que un goberno que presume de progresista impida, por primeira vez na historia, que veciños desempregados e pertencentes a familias en situación de vulnerabilidade teñan a oportunidade de traballar no servizo de limpeza municipal durante o verán mediante o Plan Concellos da Deputación para este 2020. É a primeira vez que ocorre esta situación a pesar de que tamén é inédito o estado de abandono e sucidade no que está inmerso o centro urbano e as parroquias baionesas.

Os populares lamentan que a “desastrosa” xestión deste “desgoberno a tres bandas” prive a Baiona de manter o prestixio logrado ata o de agora. “Sucidade nos viarios, xardíns descoidados, sendeiros repletos de silvas e maleza ou contedores escasos e con ausencia total de hixiene é a situación que sofren a diario os veciños neste momento e á que se enfrontan os visitantes que aos poucos se van achegando a vila”. Por este motivo, ao grupo municipal do PP resúltalle “sorprendente” e “triste” que o goberno local non aproveite a posibilidade que ten mediante o programa provincial de contratar a varias persoas para a limpeza e o acondicionamento das zonas públicas.

Un ano de inacción e desmantelamento

Ademais, resulta “paradoxal” que tras máis dun ano xestionando o Concello, o tripartito continúe tentado xustificar a súa “parálise” en todas as áreas, incluída a da limpeza, aludindo á herdanza recibida. “Lembrámoslle ao alcalde que quen debeu solicitar á Deputación ao longo deste ano os fondos para contratar aos operarios de limpeza para este verán foi o seu goberno e, por primeira vez desde que se puxo en marcha o Plan Concellos, non o fixo. Tamén poden presumir de ser o desgoberno que está a desmantelar os servizos públicos máis importantes e imprescindibles para os veciños, por exemplo o da seguridade cidadá”, acusan desde o PP.