Vive Nigrán confirma unha edición especial en 2020

A organización de Vive Nigrán ultima detalles para ofrecer unha nova cita coa diversión e a cultura da música en vivo os próximos 17-18 de xullo. Nesta edición, para garantir ao máximo a seguridade e cumprir os protocolos esixidos polas autoridades sanitarias, Vive Nigrán trasládase do campo de Monte Lourido ao recinto do Club de Tenis de Nigrán, para converterse na “2020 Picnic Club Edition”; un formato máis acolledor e exclusivo, tamén a escasos metros da praia.

Fiel ao espírito co que naceu en 2017, con nomes como Anni B Sweet ou o concerto Vibra Mahou con Rufus T. Firefly, o festival aposta por convocar aos seus fieis nunha edición de formato reducido, que pon un granito de area para axudar a reactivar ao sector cultural, que aos poucos tenta incorporarse á “nova normalidade”. En definitiva, súmase a un compromiso que comparte coa crew, públicos e artistas.

Como en anos anteriores, ademais de boa música o festival ofrecerá actividades complementarias para todos os públicos. Poñeranse á venda dúas modalidades de entradas: Entrada diaria (15€ + gastos) e Abono 2 días (25€ + gastos) que se venderán a través da plataforma Ataquilla.com.

A organización agradece a todas as administracións que se uniron a este compromiso – Deputación de Pontevedra, Concello de Nigrán e Xunta de Galicia– polo seu esforzo común como principais patrocinadores do evento xunto á cervexeira Mahou, que co apoio a este concerto a través da súa plataforma musical Vibra Mahou continúa ofrecendo experiencias inesquecibles e apoiando a artistas de distintas correntes musicais, xerando experiencias memorables en directo e achegando momentos de conexión únicos entre artistas e público.

Vive Nigrán é un proxecto cultural subdividido nunha serie de actividades unificadas baixo o concepto de ‘’Picnic-Pop festival’’ e orientadas a lograr unha maior implicación co territorio e as súas xentes: concibido para gozar da natureza propia do emprazamento, a praia, o mar, a vista aos lugares de interese cultural e natural do concello, unha programación musical moi coidada xunto cunha aposta por actividades diúrnas para públicos de todas as idades (este ano apostarase polo bautismo de surf en Praia América e kaiak marítimo en Panxón). O cartel da nova edición, 2020 Picnic Club Edition, está formado por Anni B Sweet e Rufus T. Firefly como artistas principais, acompañados por artistas invitados que se desvelarán proximamente e que se subirán tamén ao escenario Xacobeo e ao escenario Vibra Mahou.

ANNI B SWEET

A carreira da cantante e compositora malagueña non fixo máis que crecer desde os seus inicios alá por 2008, cando empezou a dar os seus primeiros concertos. A partir de aí, gañar os seus primeiros concursos de artistas emerxentes, fichar por unha discográfica como Subterfuge Records ou ser seleccionada para participar nun festival da envergadura do FIB Benicassim sen nin sequera ter o seu primeiro disco publicado.

A súa voz e sensibilidade permitíronlle levar a súa música ata países como México, Arxentina, Inglaterra ou Xapón, dando o salto máis aló das nosas fronteiras con tan só un disco publicado. Foi nomeada aos MTV European Music Awards de 2013 na categoría de mellor artista e en 2015 converteuse na artista independente española con máis oíntes en Spotify.

O ano pasado publicaba o seu 4º disco “Universo por estrenar”, cargado de psicodelia e ritmos setenteiros, e por primeira vez cantado integramente en español. Consolidada como un dos nomes máis destacados da escena indie/folk española, chega a Vive Nigrán acompañada da súa banda nun dos mellores momentos da súa carreira.

RUFUS T. FIREFLY

Unha das bandas con máis personalidade do panorama español, desde a publicación dos seus primeiros EP’s xa chamaron a atención de prensa e público por esa aditiva mestura de psicodelia, rock e pop que os achegaba a grupos como Tame Impala ou Radiohead. Habituais nos festivais máis importantes do país, percorréronse a península de punta a punta en innumerables concertos, que lles fixo consolidar unha base de fans cada vez máis numerosa. Con 5 discos editados ás súas costas que recibiron os eloxios dos principais medios especializados, chegan por primeira vez a Vive Nigrán co seu demoledor directo para un concerto moi especial.