Arranca con éxito o Baiverán “postcovid”

O Parque da Palma acolleu este mércores a primeira das actuacións do Baiverán 2020, un concerto do grupo Gin Toni’s, que versiona clásicos da música española. A concelleira de Cultura de Baiona, Miriam Costas, destaca que foi todo un éxito. “Fomos o primeiro concello en poñer en marcha a programación do verán. Tivemos máis de 100 persoas mantendo distancias de seguridade e todas as medidas de protocolo Covid”.

Tras o éxito de onte, o programa Baiverán “Refúxiate na cultura” continuará esta noite co dúo Two in the mirror. O recinto habilitado abre unha hora antes de cada actuación, sendo obrigatorio o uso da máscara e permanecer sentado nas cadeiras habilitadas para manter a distancia necesaria entre asistentes. Está controlado en todo momento por un técnico de seguridade.

A empresa organizadora de eventos Elemental Street é a encargada de garantir que todas as actuacións cumpran con todo os protocolos e as recomendacións que estipulan as autoridades sanitarias. Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.