Galicia contará cunha decena de medios aéreos fixos e uns 80 dispoñibles para a loita contra incendios

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe da presenza fixa de máis dunha decena de medios aéreos do Executivo na Comunidade para a loita contra incendios, ademais de ao redor de 80 dispoñibles se é necesaria a súa presenza. Así se expresou durante a reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) celebrada hoxe mediante vídeoconferencia.

Javier Losada agradeceu “o compromiso do Goberno na loita contra incendios”. Detallou que están implicados os ministerios de Defensa, Interior e Transición Ecolóxica a través dun convenio coa Xunta renovado como é habitual.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico despregará, segundo as súas previsións iniciais, dous avións anfibios de gran capacidade que estarán no aeroporto de Santiago de Compostela, dous avións de carga en terra en Xinzo de Limia (Ourense), dous helicópteros de transporte de brigadas de reforzo (BRIF) en Laza (Ourense), unha Unidade Móbil de Análise e Planificación (UMAP) na mesma base e unha Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF).

Con todo, aínda que eses serán os medios fixos durante este verán, aclara que dispón de 73 medios aéreos no conxunto do Estado que están dispoñibles se son necesarios. De feito, é habitual a súa presenza como ocorreu o ano pasado, con numerosos reforzos durante a fase final do verán. Tamén conta con máis de seiscentas persoas en global, que acudirán se é necesario.

Por parte do Ministerio de Defensa, as Forzas Armadas traballarán na operación Sentinela Galego entre o 15 de agosto e o 30 de setembro, con 27 patrullas terrestres e a posibilidade de despregamento de capacidades de vixilancia RPAS con drons durante a etapa de normalidade. Nos momentos de risco despregará ata 50 patrullas e un helicóptero de vixilancia e nas de risco moi alto subirá ata 75 patrullas e 2 helicópteros de vixilancia.

A Dirección Xeral de Protección explicou todo o procedemento para o despregamento da Unidade Militar de Emerxencias (UME), poñendo a disposición seis secciones na súa base de León e sitúa 19 persoas e catro vehículos en Figueirido (Pontevedra) entre o 1 de agosto e o 30 de setembro, aínda que podería aumentar o número. Ademais da UME, participan no operativo a Brigada Galicia VII (Brilat) do Exército de Terra e o Terzo Norte de Infantería de Mariña, en total cunhas 460 persoas para tarefas de prevención, extinción ou investigación.

O Ministerio do Interior, ademais da estrutura de Protección Civil, pon a disposición a Policía Nacional e a Garda Civil. Esta última reforzarase de forma específica con 39 persoas, que se suman ás 3000 dispostas en Galicia, todas preparadas por se é necesario actuar fronte aos incendios. Entre estas, hai 153 do Servizo de Protección da Natureza (Seprona), 16 equipos de investigación e un helicóptero.

A Policía Nacional despregará 400 persoas en labores de prevención, 12 cabalos, 12 persoas de policía xudicial, técnicos de desactivación de explosivos e un helicóptero con outras catro persoas asignadas.

COMITÉ INTEGRADO DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS

Participaron no Comité o director xeral de Protección Civil e Emerxencias, Leonardo Marcos, xunto á xefa da unidade operativa, Alba Romero; o subdirector xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación do Miteco, José Manuel Jaquotot; o subdirector xeral de Cooperación e Defensa Civil, Luis Miguel Yagüe; o subdirector adxunto de Planificación, Prevención e Emerxencias do Ministerio do Interior, Benjamín Salvago; o xefe de área de Riscos Naturais de Interior, José Luis Rubio; os mandos da Policía Nacional e a Garda Civil en Galicia, José Luis Balseiro e Manuel Javier Novo; e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; entre outros.