O Okofen, campión galego de cruceiros A Dous no Trofeo MRW de Baiona

Gran xornada de competición en augas de Baiona. O Monte Real Club de Yates estreou hoxe o calendario galego de regatas tras o parón pola crise sanitaria poñendo en xogo o Campionato Galego de cruceiros A Dous, proba que se enmarca no Trofeo MRW e na que se deron cita unha trintena de equipos. O Okofen de Javier de la Gándara e Diego Fernández foi o vencedor da cita e convértese no novo campión galego da clase.

Tal e como vaticinaban os partes meteorolóxicos a xornada amenceu moi nubrada, cunha lixeira choiva e ventos suaves á primeira hora da mañá que foron en aumento a medida que avanzaba o día, chegando a rexistrarse unha media de 18 nós de intensidade e con puntas de máis de 25 á altura de Cíes, condicións que volveron diminuír a media tarde para o tramo final de regata.

Así, tras uns minutos de espera sobre a hora marcada para que o vento terminase de establecerse na baía de Baiona, o Comité de Regatas deu o bocinazo de saída ás 11:15 horas para un percorrido que levaría á frota ata a baliza do Camouco –pasando previamente polas de Carallones, La Negra e Cíes- e volta cara ao sur para tomar a liña de chegada situada finalmente fronte ás Illas Cíes. En total, 28,8 millas de percorrido para unha disputadísima edición na que a frota tivo que esforzarse ao máximo desde o primeiro tramo e ata o final da regata.

O primeiro en cruzar a liña de chegada foi o Txole de Ignacio Sánchez e Pablo Franco (MRCYB) ao fío das 16:00 horas, aínda que en tempo compensado a vitoria nesta ocasión levoulla finalmente o Okofen de Javier de la Gándara e Diego Fernández cunha vantaxe de ata quince minutos sobre o segundo clasificado e vinte sobre o terceiro. Con este resultado, De la Gándara e Fernández proclamáronse vencedores con total autoridade do Campionato Galego de cruceiros A Dous por diante do Ay Carmela! de Juan Martínez e Ignacio Correa (C.M. Liceo de Bouzas), que foi segundo, e do Orión de Javier Pérez e Esteban Gañete (MRCYB), que pechou o podio no terceiro caixón.

Ademais do título autonómico, a cita baionesa decidiu aos gañadores do Trofeo MRW nas categorías ORC 1, ORC 2 e J80. A vitoria na categoría de monotipos, que foi sen dúbida unha das máis rifadas da cita con apenas dous minutos de diferenza entre os tres primeiros equipos, foi para o Maija de Íñigo Alzuleta e Miguel Larrán por diante do Cansino de Nano Yáñez e Manuel Fernández e do Picacho de Margarita Cameselle e Alberto García, segundo e terceiro respectivamente na xeral de J80. Os tres equipos representando ao Monte Real.

En ORC 1, pola súa banda, o podio queda igual que para o Campionato Galego co Okofen á cabeza, seguido do Ay Carmela! e o Orión, mentres que en ORC 2 o triunfo foi a parar a mans do Tutatis de Alechu Retolaza e Roy Alonso (MRCYB) cunha notable vantaxe de máis sete minutos sobre o Silleiro de Bruno Gago e César Conde (MRCYB), que foron segundos. O terceiro posto nesta ocasión foi para o equipo do Club Náutico de Boiro, o Piko Norte de José Manuel Castro e Lucas Piñeiro.

Finalizada a regata, a entrega de premios celebrouse na terraza do Monte Real ás 20:00 horas e contou coa presenza de Manuel Villaverde, presidente da RFGV; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Marta Iglesias, delegada da Xunta de Galicia; Gorka Gómez en representación da Deputación de Pontevedra; Rafael Olmedo; José Luis Álvarez, presidente do MRCYB; Ignacio Sánchez Otaegui, comodoro do MRCYB e Santos Almeida representando a MRW, patrocinador principal da regata.

Anuncios