O luns comezan as obras de acondicionamento e mellora da Casa do Concello de Baiona

O vindeiro luns comezarán as obras de acondicionamento da Casa do Concello de Baiona, traballos que permitirán a mellora da carpintería do inmoble, varandas e mastros do balcón e que inclúen tamén a limpeza do tellado e a reparación do mesmo nos puntos que sexa preciso.

Nese sentido, as reparacións que realizarán no tellado teñen unha especial importancia á hora de evitar filtracións e humidades que co paso do tempo afectan, entre outros elementos, á carpintería interior do edificio.

Carlos Gómez subliñou a importancia destas actuacións que contribúen ao mantemento “dun ben histórico e patrimonial de todos os veciños e veciñas”. O alcalde de Baiona lembra que a actual Consistorial “data de 1757 e está enclavada no corazón do casco histórico” polo que a súa conservación “constitúe unha posta en valor non só do propio edificio senón da súa contorna”.