As consultas externas do Álvaro Cunqueiro humanízanse cunha nova exposición de fotografías do persoal

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, presidiu hoxe a entrega de Premios do V Concurso de Fotografía do Persoal da Área de Vigo aos gañadores deste certame, que este ano tiña como temática “A túa visión da pandemia do Covid-19 no ámbito sanitario”.

O primeiro premio foi para Iván Licona Méndez, celador do Chuvi, pola súa fotografía “Heroínas anónimas”; o segundo recaeu en Miguel Ángel Álvarez Rodríguez, persoal de xestión por “Desolación”; e o terceiro premio levouno o residente en Medicina Intensiva Carlos García Redruello por “Toda axuda é pouca”.

Este concurso, enmarcado no conxunto de actividades conmemorativas do V Aniversario do Hospital, tivo un xurado composto por profesionais cualificados, como Alfonso Lubián e os tres responsables de fotografía dos periódicos locais: Ricardo Grobas do Faro de Vigo; Mercedes Moralejo de La Voz de Galicia; e Jorge Landín do Atlántico Diario.

Ademais dos tres premios o xurado realizou unha selección de fotografías para ser expostas no hospital. Despois da entrega de premios, inaugurouse a Exposición das seleccionadas na área de consultas externas.

2020-06-26 - vert(2) copia