O BNG analiza no Val Miñor a situación da sanidade pública

A candidata do BNG ás elección galegas, Montse Prado, participou no Val Miñor nun encontro no que analizou as causas do deterioro da sanidade pública e presentou a alternativa do BNG para reverter esa situación. Prado, responsable da área de sanidade no grupo parlamentar do BNG nestes últimos catro anos, expuxo que se ben a crise da COVID19 demostrou que a sanidade pública foi a grande defensa fronte á pandemia, tamén deixou en evidencia as nefastas e dramáticas consecuencias dos recortes e as privatizacións aplicadas polo Partido Popular durante a última década.

“Desde 2009, coa escusa da crise, o PP con Feijóo á cabeza, aplicou duras políticas de recortes e fixo modificacións lexislativas e organizativas que danaron gravemente a sanidade pública de Galiza”, afirmou. “Todas as medidas que tomou tiveron como fin a privatización e o desmantelamento da sistema sanitario público, a base de recortes continuos e de poñer os recursos da sanidade pública ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas”.

A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes, as consecuencias son tremendas: masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitución, as listaxes de espera de máis dunha semana para medicina de familia, peche de axendas, saturacións, ausencia de pediatras, PACs ao limite..

Para o BNG, ante a necesidade de reverter as políticas de recortes e privatizacións, cómpre unha actuación urxente de recuperación da sanidade pública galega, sendo prioritario restabelecer un modelo de sanidade pública, universal, de calidade e gratuíta. Unha sanidade planificada en función das necesidades da cidadanía e non das empresas contratistas da saúde privada, que conte cun financiamento suficiente, e coa participación tanto da cidadanía coma das e dos profesionais.

Así, Montse Prado fixo unha exposición das medidas que o BNG inclúe no seu programa entre as que destacan o incremento dos orzamentos da sanidade pública galega, a reversión de todas as privatizacións e externalizacións de servizos realizados polo Goberno galego, a recuperación do Hospital Álvaro Cunqueiro para a Sanidade Pública, ou o Plan de Mellora de Atención Primaria (200 millóns de euros para reforzar a porta de entrada da sanidade pública), co incremento do número de profesionais en todas as categorías tanto nos centros de saúde como nos PACs.

O BNG chama á participación na concentración de hoxe na Ramallosa

O BNG apoia a concentración en defensa da sanidade pública convocada pola Plataforma de Usuarias do Val Miñor para hoxe xoves 25, ás 20:00 horas na Ramallosa, polo que fai un chamamento á veciñanza do Val Miñor a participación masiva na mesma. “É preciso mostrar o noso rexeitamento ás políticas que atacan os servizos públicos básicos nas rúas, mais tamén nas urnas”, indicaba a modo de reflexión a candidata do BNG, Montse Prado, ao remate do encontro.