A rúa Elduayen de Baiona será peonil durante os seráns da fin de semana

A partir das 20:00 horas dos sábados e os domingos, a rúa Elduayen, unha das principais vías de Baiona, quedará pechada ao tráfico para evitar que nos días de maior afluencia de persoas á vila “prodúzanse concentracións de persoas e estas poidan dispoñer de mais espazo que lles permita gardar a distancia interpersoal recomendada polas autoridades sanitarias”, explica o alcalde Carlos Gómez.

Con este peche, que será efectivo tanto os sábados coma os domingos entre as 20:00 e as 1:00 horas, os vehículos que circulen en dirección Oia e A Guarda deberán utilizar a circunvalación da AG-57 para desembocar na PO-552. Esa mesma vía pode ser utilizada para acceder pola entrada sur ao urbano de Baiona.

Esta peonalización parcial, engádese ás que tamén os sábados e domingos, e no mesmo horario, afecta ás rúas Carabela Pinta e Cidade de Vigo, “co que se consegue un espazo amplo para o paseo e desfrute de Baiona –como corresponde a un dos enclaves turísticos máis importantes de Galicia– e coas garantías de seguridade precisas”, explica Carlos Gómez.

En todo caso, o rexedor local segue apelando “á responsabilidade cidadá” e insiste, como así o ven facendo dende que comezaron as fases da desescalada, en que “estamos ante un momento crucial, no que a nosa actitude persoal, pode marcar a diferenza entre seguir avanzando na nova normalidade ou retroceder, algo que tería consecuencias económicas e sociais imprevisibles”.

Por iso, remata o alcalde baionés, “dende o Goberno local optamos por facilitar espazos amplos e abertos para que a veciñanza e as persoas visitantes, poidan ‘vivir Baiona’ na rúa e con garantías”.

Anuncios