O goberno local de Nigrán levará ao pleno ordinario do vindeiro 6 de xullo (o 29 de xuño, cando correspondería, é festivo local) unha moción para aprobar o investimento de 373.878 € con cargo ao remanente de tesourería para construír a cociña escolar municipal no CEIP Humberto Juanes que permitiría elaborar os menús de todos os colexios que se fornecen de catering. Así llo trasladou o propio alcalde, Juan González, e a edil de Educación, Marina Vidal, á comunidade educativa do centro no derradeiro encontro ao respecto mantido a inicios de mes. Deste xeito, ambas partes consideran que, a todas luces, esta Xunta de Galicia non vai comprometer nunca que sexa obrigatorio para a concesionaria electa empregar a futura instalación, aspecto que o Concello leva máis dun ano reclamando para realizar o investimento con todas as garantías. “Esta é unha cuestión de saúde, a Xunta non pode situar os intereses das empresas por riba da saúde pública dos nenos, de ningún xeito imos transixir», defende González.
“A estas alturas xa temos claro que esta Xunta non pensa comprometerse con Nigrán garantindo que os pregos da vindeira licitación obriguen ao adxudicatario a cociñar nas instalación municipais, pero desde o Concello e as comunidades escolares non imos permitir o contrario, chegaremos ata onde sexa preciso e non poderá haber outra fórmula”, advirte o alcalde, quen fai un simil coa rúa Otero Pedrayo, “estrada na que acabamos pedindo a súa titularidade para poder humanizala nós pola nosa conta ante a nula vontade do goberno autonómico para arranxar o que lle pertence”.
Deste xeito, o Concello non obtivo outra resposta desde que en febreiro a Consellería de Educación dixese por escrito que non tiña intención algunha de “interferir na decisión que o adxudicatario tome respecto a utilización da cociña do colexio”, é máis, insistían: “Non existe a completa seguridade de que se cociñe no centro, o que debe valorar o Concello para realizar o investimento”. Con esta declaración a Xunta rexeitaba a petición do Concello para que nas futuras bases de licitación se incluíse unha cláusula para que a empresa tivese a obrigatoriedade de empregar estas instalacións que porían fin ao cuestionado sistema de catering.
O propio rexedor descarta que o Concello pretenda da Xunta que se rescinda o contrato en vigor do catering coa conseguinte indemnización que elo suporía. “Somos conscientes do problema que suporía actualmente, pero en menos de dous anos a Xunta ten a posibilidade de prorrogar ese contrato ou non, ese sería o momento de elaborar un novo prego de licitación no que se obrigue aos candidatos a empregar a cociña propia, que xa estaría lista. Non imos permitir outra cousa, faremos as obras e chegaremos ata onde sexa preciso para que isto se materialice”, sinala. Estas novas bases deberían subrogar os contratos do persoal e “zonificar” acorde á realidade de Nigrán, xa que actualmente o lote adxudicado corresponde ao CEIP da Cruz, Mallón, Carlos Casares e tamén o IES Terra de Turonio, este último de Gondomar.
O Concello de Nigrán incide en que non está a pedir ningunha idea nova e alude a propia realidade da comarca, xa que no CEE de Panxón se cociña tamén para o CPI Arquitecto Palacios e para a E.I. “As Dunas” (en Vigo o caso é o Dr. Fleming, que cociña para outros centros). “Xunto a comunidade educativa desde o Concello temos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios que se nutren do sistema de catering, e non é xusto discriminar ao alumnado da ensinanza pública, estamos a falar da saúde dos nosos nenos”.
Proxecto aprobado
O Goberno de Nigrán aprobou a inicios de ano o proxecto para modernizar a cociña e o comedor do Humberto Juanes co obxectivo de que poida dar servizo a tódolos colexios públicos do municipio que o soliciten. O proxecto realizado polo estudio nigranés Aintegra contempla unha cociña suficientemente dimensionada para dar resposta a tódolos centros educativos de Nigrán que así o desexen, así, tería capacidade para abastecer a máis de 570 usuarios, tendo os colexios de Nigrán actualmente 561 comensais asignados.
“A demanda partiu do CEIP Humberto Juanes pero é unha cuestión de xustiza, equidade e igualdade de oportunidades que beneficie a tódolos colexios públicos do municipio, con este fin se dimensionou o proxecto”, incide González.
Tanto dente a comunidade educativa como dende o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos.
Esta nova cociña ocuparía 490 metros cadrados dunha zona de almacén e de aulas actualmente sen uso e que conta cunha distribución moi pouco funcional, xa que a cociña do centro carece das instalacións e equipamento mínimo necesario para poder facer a comida, non existen cámaras nin almacén de alimentos. Así, o proxecto exposto a dota dun equipamento acorde ás demandas actuais e renova e moderniza as instalacións de fontanería, saneamento, electricidade, renovación do aire e seguridade contra-incendios. A nova distribución contará con zona específica onde irán as novas cociñas, cámaras frigoríficas e almacéns ou zona de lavado e lixo.

