Prohibidas todas as fogueiras de San Xoán en Nigrán, incluso as particulares

O Concello de Nigrán informa a través dun Bando que a Xunta de Galicia comunicou esta mañá que quedan prohibidas todo tipo de fogueiras nesta noite do 23 ao 24, incluso as particulares xa autorizadas por este Concello, polo que fai saber que ningunha fogueira se poderá levar a cabo en Nigrán por orde da Xunta de Galicia, nin sequera as que estaban xa autorizadas.

O Concello de Nigrán lanzou este ano a campaña #VémonosNoSanXoán2021 para concienciar á cidadanía da prohibición de acudir a festexalo á praia de Panxón ou calquera outro areal do municipio. Todas as medidas de seguridade sanitaria establecidas por mor do Covid-19 e o propio sentido da responsabilidade impiden que este ano se celebren as tradicionais cacharelas que cada ano confecciona o Concello para colaborar na verbena.

As forzas de seguridade impedirán desde este mediodía que acudan persoas ás praias ou calas do municipio con palas ou material para facer fogueiras ou botellón e ás 21:00 horas se desaloxarán todas impedindo o acceso ata ás 8:00 horas do 24 de xuño.

Anuncios