O PP de Gondomar acusa a Paco Ferreira de mentir para xustificar a non celebración do Gondoverán

O Partido Popular de Gondomar acusa ao alcalde, Paco Ferreira, de volver a faltar á verdade cando afirma que o Concello de Gondomar non vai celebrar esta ano o Gondoverán por falta de autorización do uso do colexio Chano Piñeiro e por non existir un protocolo que o regule.

A voceira do Partido Popular de Gondomar púxose en contacto este venres con César Ares, Delegado Territorial de Educación da Xunta de Galicia, para demandar do mesmo os motivos polos cales non se autorizou o uso do colexio Chano Piñeiro para a celebración do Gondoverán e a resposta foi que o Concello de Gondomar non solicitou ningunha instalación de Educación para a celebración de ningún acto.

“Tampouco é certo que non exista un protocolo de actuación, xa que o DOG publicou o pasado 13 de marzo un acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. De feito varios concellos da contorna como Nigrán, Baiona ou Vigo xa teñen aberto o período de inscrición para os seus campamentos de verán.

O Partido Popular de Gondomar, mediante un escrito que presentou por rexistro no concello, esixe ao alcalde que recapacite e organice o campamento de verán que dende hai moitos ano se vén organizando no Concello. “Son moitas as familias que están agardando por este campamento que está consolidado no calendario de actividades do concello e co que estas familias xa contaban á hora de conciliar a súa vida familiar co seu traballo habitual e que con esta medida ven truncadas as súas previsións, así como moitos cativos que ven no mesmo un momento de convivencia e aprendizaxe rompendo a súa monotonía que se converteu o pasar do tempo dende que se decretou o estado de alarma o pasado 14 de marzo”, sinala Paula Bouzós. Tampouco entenden o motivo polo cal Paco Ferreira necesita facer uso de motivos que non existen, “a pesar de que é algo que acostuma a facer acotío, ao igual que a falta de previsión e ao xeito de gobernar por impulsos aos que nos quere acostumar”.

“Desconfiamos que son outras as causas que motivan a non celebración deste campamento por parte do Concello de Gondomar, e non entendemos que un concello que conta con tantas dedicacións exclusivas que non vaian un pouco por diante das necesidades dos veciños e que opten polo mínimo esforzo suspendendo a celebración de calquera acto que supoña un pouco de traballo”, remata dicindo a voceira do Partido Popular.

Anuncios