O PP de Nigrán pide habilitar un horario de paseo con cans polas praias durante o verán

FOTO: PEPE COSTAS // Praia América-Panxón.

O Partido Popular de Nigrán vén de presentar unha moción para instar o goberno municipal a modificar o Artigo 17 da Ordenanza de Convivencia Cidadá e Ornato Público, para habilitar un horario de paseo con cans polas praias durante a tempada estival, de xuño a setembro. Argumentan que para moitas razas o baño é un ritual arraigado nos seus instintos, e para moitos donos de mascotas, un paseo pola praia coa súa mascota, un costume moi san, que non poden gozar entre o 1 de xuño e o 30 de setembro nos areais de Nigrán.

Unha das razóns desta ordenanza, é pola hixiene no areal, xa que nese período de tempo coincide coa etapa estival e a afluencia e permanencia das persoas é elevada. Con todo, para Carlos Abal, se o analizamos fríamente, “os que máis ensuciamos somos os humanos, non hai máis que comparar como está a praia pola mañá e como queda a última hora da tarde, coas papeleiras abarrotadas, e unha chea de lixo polo areal que ha de recollerse diariamente”.

“O problema é dos donos deses cans, que por desgraza, unha minoría, non respecta as normas de hixiene, civismo e convivencia, polo que non é xusto que pola neglixencia duns poucos, se restrinxa a posibilidade de que as mascotas e donos que se cumpren as normas non poidan gozar de polo menos un horario para pasear pola praia coas mascotas, sempre en horas nas que a afluencia de persoas á mesma é baixa, e esixindo que se retiren as deposicións habilitando para iso contedores específicos, que aínda que xa existen deberían ser incrementados nalgunhas das praias, así como as medidas de paseo de cans vixentes na lexislación actual (boceiras para razas perigosas, e correas durante o paseo, salvo cando estean na auga, etc), e fixando unhas sancións adecuadas para aqueles cidadáns que non cumpran as normas”, engade Abal.

Para os populares, cumprindo estas normas de civismo e coa debida vixilancia por parte do Concello poderíase modificar a ordenanza para permitir un horario de paseo dos cans pola praia durante a tempada estival, xa que o seu impacto sobre a hixiene da mesma será practicamente inexistente.

“Ademais comeza a haber praias nas que se permite o paseo en franxas horarias, e a experiencia foi positiva, facéndoas mesmo máis atractivas para o turismo con mascotas, que cada día adquire máis importancia, o que en si mesmo pode supoñer un razón máis para atraer turismo e con iso mellorar a economía e benestar das nosas familias, ademais de ser unha proposta nova e atrevida que pode ser noticia en canto a destacar a sensibilidade do municipio de Nigrán respecto a as mascotas e os seus donos, que estarán sen dúbida, encantados coa proposta”.

Desde o PP propoñen que se permitan os paseos con cans polas praias entre as 22:00 e as 10:00 horas.