Nigrán abre este sábado o novo aparcamento público e gratuíto na rúa Torriña

O Concello de Nigrán abrirá desde este sábado o novo aparcamento público e gratuíto situado na rúa Torriña que dinamizará a economía no centro urbano ao ofrecer máis de 120 prazas de aparcamento que cubrirá de sobras a demanda incluso na tempada alta de verán. Este leira-parking, cuxa finca foi alugada polo consistorio, cumpre a mesma función que o situado anteriormente na rúa Vilameán (cedido gratuitamente desde 2013 a decembro de 2019, cando quedou inoperativo porque a promotora propietaria do mesmo emprendeu as obras para construír 40 chalés pareados). Esta facilidade engadida para acudir en vehículo privado ao núcleo de Nigrán era unha cuestión moi demandada polos comerciantes e pola propia Asociación de Empresarios OVALMI.

“Ter un espazo de aparcamento gratuíto para os veciños é unha prioridade porque somos conscientes do beneficio que supón para os que non viven no núcleo urbano e, consecuentemente, resulta fundamental para o comercio e empresas da zona, máxime con esta grave crise económica que trae o Covid-19”, subliña o alcalde, Juan González. Así, está situado na rúa Torriña (Vilameán) dispón de 2.500 metros cadrados nunha superficie chá e se atopa á beira da PO-552, a menos de 150 metros lineais da Casa do Concello. A finca foi alugada por 6.137 €/ano (sen IVE) cunha duración de 1 ano prorrogable ata 4 e cumpre con todos os requirimentos que estipulaban o concurso público que resultara deserto (céntrico, prezo taxado, fácil acceso…).

“Foi unha tramitación moi complicada que se demorou aínda máis do que nos gustaría polo Covid-19 pero o importante é que está listo antes da tempada alta de verán, que é cando máis demanda existe”, incide González.

A parcela da rúa Vilameán funcionou dende 2013 cunha media de 50 coches aparcados a diario (o dobre durante a tempada estival). Así, este novo espazo que alugará o Concello esta mesma semana non significará ningunha diminución da capacidade nin supoñerá ningún inconveniente para os usuarios, xa que se atopa igual de céntrica e cun acceso incluso mellor, ao estar á beira da PO-552.

Máis medidas

Esta iniciativa únese a outras medidas de apoio ao comercio local e a hostalaría que o goberno de Nigrán leva posto en marcha dende o inicio da pandemia co conseguinte estado de alarma: diferentes campañas para fomentar as compras no comercio de proximidade, aceleración na aprobación de licencias para novos investimentos no parque empresarial Porto do Molle, financiamento ao 100% da plataforma de venta online a domicilio DBarrio, rebaixa do 75% da taxa para todas as terrazas do municipio ou flexibilización na ampliación das mesma… “Somos moi conscientes da dificilísima situación que afronta o tecido empresarial de Nigrán e continuaremos a levar adiante todas as medidas que desde o Concello podan axudar a superar esta crise”, conclúe o alcalde.

2020-06-20 - Parking3