Sin categoría

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 afirma que o alcalde non di a verdade sobre o IBI

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807, ante as declaracións do alcalde de Nigrán despois do pleno que acordou a suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI), afirmando que “o goberno de Nigrán aprobou restablecer o 0,6 % do coeficiente do IBI urbano que rexeu ata 2016”, quere manifestar que non dixo a verdade e que só pretendía xerar confusión entre a cidadanía manipulando os datos.

“O tipo do gravame urbano do IBI ata o exercicio 2011 foi do 0,50% e, mediante acordo plenario do 24-10-2011 gobernando o PP en Nigrán, incrementouse ata o 0,52%. Así entre os exercicios do 2012 e 2015, ambos incluídos, o tipo de gravame mantívose no 0,52% e se neses catro exercicios se aplicou no primeiro o 0,572% e nos tres seguintes o 0,60% non foi porque o acordara o pleno municipal senón que foi consecuencia da medida aprobada polo goberno central do PP presidido por Rajoy para sanear os concellos cando se puxeron en marcha os Plans para o Pago a Provedores. Isto pode comprobalo calquera propietario revisando os seus recibos do IBI”, relatan dende o colectivo.

Para a Asociación Veciñal máis grave aínda foi a afirmación de que “fue precisamente este gobierno quien decidió bajar el coeficiente al 0,5% al ser posible en ese momento esa rebaja”, “porque quen propuxo a rebaixa do tipo do 0,52% ao 0,50% na sesión do pleno municipal do 29-10-2015 para o exercicio 2016 e seguintes foi o concelleiro de UCN, aprobándose co voto en contra do alcalde e de todo o grupo do PSOE, que estaba en minoría nese momento. Calquera persoa pode comprobalo lendo a acta desa sesión plenaria”.

Esta Asociación Veciñal, ante tanta desinformación por parte do goberno municipal, realizará unha campaña informativa, e non descarta presentar unha Reclamación contra esta modificación da ordenanza fiscal que vai supoñer un incremento do 20% neste imposto.