A rúa Carabela Pinta encherase de maxia e ilusión da man do Mago Zamas

Este domingo 21 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas, a rúa Carabela Pinta transformarase nun escenario ao aire libre cheo de maxia e ilusión coa actuación do Mago Zamas, unha iniciativa que chega da man do Mercado de Abastos de Baiona e a colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona que xestiona Miriam Costas.

Nun espectáculo apto para todos os públicos e que, a bo seguro, fará as delicias de pequenos e maiores, O Mago Zamas (Jorge Álvarez), membro da Asociación Máxica Baixo Miño, amosará as súas habilidades que lle fixeron merecedor de ser segundo clasificado no festival de Maxia “MiñoMáxico”.

Esta actividade forma parte das iniciativas que o Mercado de Baiona está a desenvolver de cara á dinamización gastronómica e cultural de Baiona. Ao longo deste tempo, a colaboración entre os distintos postos do Mercado de Abastos deu como froito programas como “Cocina Mercado” ou “Mercado Solidario”.

A máxima “Busquemos aquilo que nos permita crecer xuntos en lugar de aquilo que nos permita manternos sos” define os proxectos da Asociación de Praceiros para fomentar a compra e consumo de produtos de primeira calidade. O de Baiona é, ademais, un mercado con ideas encamiñadas á fidelización da súa clientela. Así, se invitaban á súa clientela a reciclar, agora “invitan a café” por compras de máis de 20 euros en calquera dos postos da praza de abastos.

Mentres, o Concello de Baiona e o Mercado traballan xa na posta en marcha de novos proxectos tanto gastronómicos coma culturais, que se poñerán en marcha durante os próximos meses. Nesa liña, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, agradeceu aos praceiros e praceiras “o traballo que estaban a desenvolver na reactivación do espazo municipal”.

2020-06-20 - Mago Zanas01