Gondomar rexeita o proxecto de parques eólicos nas serras do Galiñeiro e da Groba

O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar aprobou o mércores con 13 votos a favor e 4 abstencións do PP a proposta defendida por Antonio Araújo Quintas, en nome de Manifesto Miñor-En Marea, de rexeitar o proxecto de parques eólicos nas serras do Galiñeiro e da Groba.

“Estas dúas serras son o perfil inconfundible e a xénese mesma do Val de Miñor, sen as cales non existiriamos con todas as especificidades que nos distinguen doutras comarcas do País, por iso temos a obriga moral e política de defendelas e dicirlle á Xunta que non imos permitir semellante aberración”, afirma Araújo. “Ollo, iso non supón estar en contra dunha enerxía limpa como é a eólica, pero, nin os muíños de vento poden ir en calquera lugar estragándoo todo, e moito menos poñendo unha enerxía renovable e un territorio ao servizo de intereses especulativos que só buscan o negocio sen beneficiar, sequera, ás comarcas ou lugares onde son implantados”.

Araújo destaca que só unha organización como Manifesto Miñor, de carácter e vocación miñorá, podía levar en conxunto estas dúas problemáticas. Foi aprobada a moción, malia saír do ámbito local, e por iso agradecen os apoios das demais forzas políticas. “Dicir tamén que aceptamos incorporar á nosa moción varias achegas do BNG que melloraron a proposta resultante, unha delas a de solicitar a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a toda a Serra do Galiñeiro”.

“De novo o Goberno Galego volve ter a voz da cidadanía de Gondomar enriba da mesa por se cría que estabamos durmidos ou que tiraramos a toalla. Que non teñan dúbidas que volverán as mobilizacións se teiman no asunto”, conclúe Araújo.

Anuncios