Val Miñor Post-Coronavirus: Como seguimos?

A aparición do novo virus puxo o mundo patas arriba. Pasado o abraio inicial e a incerteza ante as consecuencias que trouxo consigo chegamos aquí. Galicia finaliza o seu “estado de alarma”. Podemos poñernos a pensar: como seguimos?

Entre a cantidade inxente de información que saturou os medios de comunicación non destacaba aquela que se centraba na procura das causas que nos levaron á situación, cousa habitual. Con urxencia búscanse posibles “solucións”, pero poucas veces vemos o esforzo dos estados centrados na procura dos causas. Por que? Porque non lles interesa saír mal parados? O dito de mellor previr que curar semella que non é produtivo?

Os medios de comunicación masivos tiveron un discurso único repetido ata a saciedade. Houbo que rebuscar na internet a contra información e atopamos moitos artigos sobre a lamentable situación medio ambiental global e a súa influenza na aparición desta e de futuras “pandemias” e outros males, que tamén está xa aquí, no presente, non hai que esperar a que os presaxios dos científicos e ecoloxistas se cumpran. Son xa unha realidade.

Hai tempo que rompemos coa Natureza, o cambio climático é un feito do que xa hai anos que estamos a ver as primeiras consecuencias, cada vez son máis intensas e claras. A biodiversidade necesaria para a saúde da vida do planeta, e polo tanto a nosa, está nun estado alarmante coa desaparición diaria de milleiros de especies como consecuencia das nosas accións. O antropoceno, a nova era. O planeta ten límites. Romper o equilibrio ten consecuencias.

En canto rematou o peche da corentena a maior parte da xente o que fixemos foi saír ao sol, a respirar aire limpo, a poñer os pes na terra. Na auga do mar ou do río. Saímos a facer exercicio, a camiñar… a nosa saúde precisa o contacto coa Natureza porque somos parte dela, cando nos falta é cando a poñemos en valor.

Indo ao espazo local non podemos dicir que no Val Miñor poidamos estar satisfeitos co respecto e coidado do Medio Natural privilexiado onde vivimos.

Nos nosos montes aínda vemos as consecuencias da última vaga de incendios, aquela que nos deixou tremendo pola forza da súa desfeita. Xa esquecemos? O monocultivo do eucalipto, as bioinvasións, a procura do beneficio económico, os megaproxectos que ameazan os seus cumes coa eterna procura de capital –seguramente estranxeiro-, os intereses disfrazados de “verde” de enerxía alternativa e de “sostibilidade”. O beneficio vai ser para a veciñanza, para os concellos?

Claro que é necesario a procura de enerxías renovables e limpas pero non para repetir o mesmo sistema, terá que ser doutro xeito, con conciencia, participación, respecto ao medio, con beneficios para o local, público… Aproveitando o estado de alarma, a Xunta aprobou reactivar a tramitación administrativa de 975 proxectos que estaban paralizados, nalgúns casos polas denuncias da veciñanza e colectivos ecoloxistas, sen a previa avaliación ambiental necesaria (como é o caso dos parques eólicos dos montes da nosa contorna).

Xusto antes de que aparece o Covid, no mes de febreiro, algúns colectivos mobilizándonos contra a desfeita da corta masiva que arrasou hectáreas en Monteferro, foron eucaliptos e acacias pero non coa finalidade de cambiar o modelo do monte ou sementar especies autóctonas senón de deixar rebrotar as especies invasoras e, cos cartos da venda desta madeira, pagar a multa dunha construción ilegal que a Comunidade de Montes ten que afrontar… É abraiante que se pague a comisión dunha infracción urbanística cometendo unha desfeita medio ambiental ilegal xa que a zona está catalogada como Lugar de Especial Interese Paisaxística protexido polas Normas Subsidiarias do Concello.

Biodiversidade no Val Miñor? Os montes máis salientables dos tres concellos teñen colectivos organizando a súa defensa dende hai tempo. Bosques autóctonos? É certo que os incendios deixáronse agromar algunhas carballeiras, pero a política do monte non cambiou, os montes seguen a ser vistos como fontes de “riqueza económica”, “teñen que ser sostibles”, isto xustifícao todo? Esquecemos que hai outras riquezas que non teñen que ver co diñeiro e son moito máis importantes para a vida.

A saúde non se pode mercar, acabamos de comprobar que non somos tan fortes como pensabamos.

En febreiro a Plataforma pola defensa da Foz de Miñor convocaba unha xuntanza debido á situación deste espazo, un esteiro que desemboca na marisma declarada como Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Marisma que está pechada ao marisqueo pola contaminación das augas e na que se sitúa un Cámping que privatiza un espazo natural “protexido” pola Lei de Costas, que debería ser de uso público. Despois de anos e de sentencias de de derribo que nunca foron cumpridas porque as leis xa se sabe… Segue funcionando, segundo din xa conseguiu “legalizarse”. Milleiros de coches e visitantes nun movemento continuo nos meses de verán fan que ese espazo con tanta “protección legal” sexa unha desfeita ecolóxica. Se tiveramos outra conciencia e outro xeito de mirar a Natureza que nos rodea veriamos nisto unha aberración. É así como protexemos o hábitat das aves? Como defendemos a limpeza das augas? É así como debemos tratar os nosos espazos naturais “protexidos”?

E as nosas praias? Os nosos ríos? Animámonos a recoller os plásticos do mar? Agora temos que sumarlle as toneladas de máscaras, luvas de plástico…, de materiais non reciclables e que xa aparecen toradas polo chan. Recollemos o lixo dos ríos en campañas anuais que están moi ben pero, resolvese dunha vez o problema dos vertidos? Xa non hai peixes, os nosos avós lembran aínda ir pescar ao río, recoller ameixas nas praias, argazos… Agora os argazos invasores que chegan doutras partes do mundo aniquilan as nosas especies e ecosistemas mariños. A recuperación do aire e dos ecosistemas durante o confinamento foi asombrosa, pero o retroceso xa é visible ao pouco de retornar ás nosas actividades. Acaba de publicarse que no pasado mes de maio acadouse un máximo histórico a nivel mundial de CO2 na atmosfera.

O urbanismo? Estamos acostumados a pasear polo noso litoral e ver as casas construídas sobre o mar. Hai calas de Monteferro e Monte Lourido que están enchidas literalmente de cemento, hai construcións sobre a mesma praia. Si, a lei era outra, pero melloramos o modelo? Monteferro, a última península da costa galega con litoral aínda verde ten moitos ollos enriba para podela urbanizar, aos poucos xa vai quedando menos superficie de monte, só basta ver as fotos dos últimos anos.

É así como queremos ver crecer as nosas vilas? Construímos a eito con modelos arquitectónicos importados. Protexemos a nosa identidade cultural e o noso patrimonio? Iso si, plántanse moitas oliveiras centenarias nos parques e rotondas, que proveñen doutra desfeita ecolóxica pero esa está noutro lugar, non se ve.

Como seguimos? Queremos volver á normalidade que nos levou a esta situación? A resposta pode ser a clave para mudar as cousas e recuperar o noso sentimento de pertenza á Natureza e a consciencia da necesidade urxente do seu coidado. Tamén podemos esquecer e mirar cara a outro lado, seguir pensando que ecoloxía e progreso son ideas opostas.

Non podemos deixar a responsabilidade e o noso futuro só nas mans das institucións, que a teñen si, pero cada veciño e cada veciña deberiamos tomar conciencia da propia responsabilidade individual e tamén da obriga de esixila a quen corresponda. As eleccións autonómicas están á volta. A ecoloxía e o medio ambiente, sempre foron os grandes esquecidos na lexislación e nas políticas.

O futuro xa está aquí, podemos deixalo correr, buscar escusas, non molestarnos, non mirar cara ás desfeitas, seguir calados, non aprender tampouco desta vez!

Ou podemos intentar, cada quen dende o seu, cambiar este sistema.

Co-mando Ghichas Val Miñor

1-001