Nigrán lanza a campaña #VémonosNoSanXoán2021

O Concello de Nigrán lanza este ano a campaña #VémonosNoSanXoán2021 para concienciar á cidadanía da imposibilidade de acudir a festexalo á praia de Panxón, onde cada ano se xuntan máis de 10.000 persoas de toda a comarca, sendo este o evento máis multitudinario do municipio. Así, todas as medidas de seguridade sanitaria establecidas por mor do Covid-19 e o propio sentido da responsabilidade impiden que este ano se celebren as tradicionais cacharelas que cada ano confecciona o Concello para colaborar na verbena de San Xoán (neste ano nin sequera se chegara a constituír a Comisión de Festas).

“Sería unha absoluta irresponsabilidade por parte do Concello de Nigrán organizar este evento que reúne a miles de persoas; este é un verán diferente en todo o país e hai tradicións que é preciso pospoñer ao vindeiro ano para que, precisamente, a situación sanitaria non se descontrole e nos poidamos reunir no 2021”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán, localidade onde o ano pasado a raíz da primeira campaña municipal #SanXoánSenLixo o areal de praia América e Panxón amenceu libre de desperdicios. “Festexemos San Xoán nas cacharelas de cada barrio de Nigrán dun xeito seguro e responsable para poder regresar todos xuntos ao calor das fogueiras da praia de Panxón o ano que vén”, sinala o texto que se poderá ler en redes e en cartelería no propio areal. “Somos un Concello que aposta por concienciar antes que en prohibir, pero neste caso nos xogamos moito como sociedade e desaloxaremos a praia se é preciso. A campaña apela a un sentido á responsabilidade colectiva de cada un de nós para xa non acudir á praia, iso é o que buscamos”, incide.

Así, paralelamente, as forzas de seguridade impedirán desde a mañá do día 23 que acudan persoas ás praias do municipio con palas ou material para facer fogueiras ou botellón e ás 21:00 horas desaloxarán os areais impedindo o acceso ata ás 8:00 horas do 24 de xuño. “Paciencia, Cariño e Calma, o San Xoán regresará no 2021 se entre todos tomamos todas as precaucións que agora hai que tomar”, insiste González, quen invita a este ano a festexalo en familia, de feito, o Concello rexistrou 15 peticións de fogueiras, 14 realizadas por particulares e unha pola Comisión de Festas de Vilariño, o resto das entidades locais decidiron non organizar cacharelas.

Actividades paralelas

O Concello ofrece unha programación alternativa para este día festivo local no municipio e de gran raigame entre a veciñanza. Por unha banda ofrece dúas actividades divulgativas o 20 e o 23 no que é imprescindible a inscrición previa ao estar as prazas limitadas por medidas de seguridade (prioridade empadroados e asignación de prazas por orde de inscrición). E por outra, o Concello ofrece un concerto o propio 24 de xuño ás 13:00 horas no porto de Panxón a cargo da Banda de Música de Vincios e que se encadra no seu programa de “Música nas Parroquias” para poder manter a clásica sesión vermú nas festas patronais.

Así, o sábado 20 de xuño terá lugar a xornada divulgativa “A flora do ecosistema dunar de Praia América” para coñecer e conservar a flora do ecosistema dunar. A vexetación dos ecosistemas dunares constitúe unha mostra única e singular das adaptacións das plantas para sobrevivir nos lugares máis difíciles. Fuxindo da competencia conseguiron desenvolverse nun lugar imposible para outras especies. Poderíamos pensar que iso implica unha extraordinaria fortaleza, pero so en parte pois viven xusto no límite vital e son especialmente fráxiles. Perdemos a maioría dos ecosistemas litorais, e con eles moitos espazos e especies que so poden vivir neles, especies únicas que atopan no pouco que nos queda destes lugares o seu último refuxio. Nesta xornada coñeceremos estas plantas, as súas peculiaridades e as distintas maneiras coas que afrontan a vida nese lugar con condiccións extremas. Coñecelas é un primeiro paso para implicarse na súa conservación. A xornada desenvolverase o sábado día 20 de xuño ás 10:30 horas cunha duración aproximada de 2 horas. O punto de encontro é a Oficina de Turismo de Gaifar (Panxón) e é imprescindible realizar inscrición previa no mail comunicacion@nigran.org (prioridade empadroados, indicar no mail este dato).

O día 23 ás 18:00 horas en Camos (Xogo de Bolos, onde a Comisión de festas) terá lugar a xornada de identificación das Herbas de San Xoán para a que é preciso inscribirse previamente no mail secretariap@nigran.org con prioridade os empadroados no municipio (indicar no mail este dato). A duración aproximada é de 2 horas. Mellor sementar que arrincar. Máis alá das súas propiedades máxicas (que isto sempre é relativo) estas herbas son plantas silvestres, algunhas delas sensibles e ameazadas, que cómpre coñecer e poñer en valor a súa contribución a manter o equilibrio ecolóxico e o seu papel fundamental como indicadoras dun ecosistema ben conservado. Queremos facer unha proposta novidosa: e si, en lugar de colleitar as plantas, recollemos as súas sementes para facer na casa un pequeno viveiro de herbas de San Xoán? Podería ser unha boa alternativa para que manter as tradicións non sexa incompatible coa conservación da natureza.

Xa o propio día de San Xoán, 24 de xuño, o Concello ofrecerá no Porto de Panxón ás 13:00 horas o Concerto da Banda de Música de Vincios dentro do seu programa “Música nas Parroquias” creado para manter a clásica verbena do mediodía nas festas patronais de cada barrio.

Anuncios