Javier Losada pon en valor a actuación da Brilat durante a crise sanitaria

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, agradeceu o traballo das Forzas Armadas e, en concreto, da Brilat do Exército de Terra, na loita contra os efectos do COVID19. Unha vez finalizado o estado de alarma en Galicia, o delegado do Goberno trasladouse hoxe coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, á base “General Morillo”, onde mantivo unha reunión cos mandos desta unidade, encabezados polo xeneral xefe Luis Cortés.

Nesta visita, o delegado puido coñecer os medios que empregaron os seus compoñentes nas tarefas que asumiron nestes últimos meses, como os equipos especializados NBQ, que se responsabilizaron das desinfeccións de residencias, hospitais e outras instalacións onde había sospeita ou confirmación da presenza de coronavirus. Respecto a esta tarefa, Javier Losada lembrou que as Forzas Armadas realizaron en Galicia máis de 400 desinfeccións, das que máis da metade fórono de residencias de anciáns.

O delegado do Goberno destacou que “nesta crise sanitaria as Forzas Armadas puxéronse ao dispor da sociedade española e a galega dando o mellor de si mesmas: a súa experiencia, profesionalidade e capacidade de entrega ao servizo dos cidadáns”. O seu traballo e o do resto do sector público, apuntou o delegado, é exemplo da importancia de ter un Estado forte, con recursos e capacidade de resposta unida ante crise de gran magnitude como a pandemia do coronavirus.

Balance da actuación Brilat na “Operación Balmis”

Desde o inicio do estado de alarma, a través do Ministerio de Defensa, o Exército desenvolveu a “Operación Balmis”, na cal asumiu tarefas esenciais en todos os ámbitos de xestión da crise sanitaria. Nestes meses, e do mesmo xeito que o resto de unidades do Exército, a Brilat despregou persoal das súas tres bases (Pontevedra, Asturias e Valladolid) en varias comunidades, incluída Galicia.

No territorio galego, a Brilat desenvolveu tres tarefas:

1. Misións de Desinfección. De 161 residencias de anciáns, hospitais e instalacións críticas, con presenza de COVID e sen ela. En concreto, foron 44 instalacións afectadas polo COVID e 117 desinfeccións preventivas. Galicia concentrou 161 das 219 tarefas de desinfección que efectuou en total esta unidade.

2. Misións de presenza en localidades, en coordinación coas FCSE e autoridades civís. Esta misión desenvolveuse mediante o despregamento de patrullas para verificar o cumprimento do ditado no Real Decreto de Estado de Alarma. Nesta tarefa, a Brilat actuou en 35 localidades de Galicia empregando a 60 militares por día.

3. Misións de control de fronteiras. En colaboración coa Garda Civil, persoal da Brilat colaborou o control dos pasos fronteirizos das provincias de Pontevedra e Ourense con Portugal.