Baiona participa na VI Limpeza simultánea de praias

FOTO: PEPE COSTAS // Praia da Ladeira.

O Concello de Baiona participará este sábado 11 de novembro na VI Limpeza simultánea de praias organizada polo Campus do Mar, o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo e Adega, impulsora da iniciativa no ano 2012. A Ladeira será un dos 20 areais galegos nos que se intervirá, co obxectivo de dar a coñecer a problemática ambiental do lixo mariño que afecta a todos os mares e océanos do planeta e contribuír a minimizar este impacto.

Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástica que máis aló do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.

Todas as persoas que o desexen poderán participar de modo voluntario inscribíndose ata o 10 de novembro antes das 13:00 horas nas dirección campusmar@uvigo.es ou no teléfono 986 13 00 00. Para o correcto desenvolvemento dunha limpeza ecolóxica haberá coordinadores para cada grupo de voluntarios. O punto de encontro será a Cafetería Ladeira ás 10:30 horas.

UN NOVO PROTOCOLO DE LIMPEZA PARA AS PERSOAS VOLUNTARIAS

As persoas que participen na limpeza dalgúns dos areais elixidos para desenvolver esta actividade recibirán un novo protocolo no que se explican claramente os pasos para seguir durante e despois da limpeza co obxectivo de realizar esta tarefa de maneira ecolóxica. Así, aconséllase durante a realización da limpeza a utilización de luvas e calzado para evitar feridas, a separación de diferentes tipos de lixo para logo depositalos no seu respectivo colector ou non tocar os animais mortos. Despois da actividade o protocolo apunta que o lixo recollido debe ser pesado e estimado o seu volume, así como a realización dunha avaliación conxunta ou a preparación dun informe con imaxes.

Desde o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade apúntase á limpeza do 11 de novembro como “a primeira edición dun programa que pretende ser consolidado e ampliado nos próximo anos, nos que se buscará a participación cidadá na obtención de resultados sobre o estado da costa e a proposta de medidas que promovan unha xestión sustentable dos ecosistemas e os recursos mariños”.