Sin categoría

Nigrán adxudica a Consvial S.L. as obras para rematar a nova Biblioteca Municipal

O Concello de Nigrán comunicou esta semana oficialmente a “Consvial S.L” ter resultado a primeira empresa clasificada no concurso público para construír a parte non executada das obras da nova Biblioteca Municipal tras presentar unha oferta económica de 973.056 € sobre un orzamento base de 1.117.428 € e unha redución no prazo de finalización. En total, 11 empresas asistiron ao concurso e agora Consvial deberá presentar en 7 días hábiles a garantía para proceder desde o Concello á súa adxudicación definitiva. Precisamente, o alcalde de Nigrán mantivo onte un encontro cos responsables da construtora na que estes manifestaron o seu compromiso de continuar adiante co procedemento de licitación. Este segundo concurso público viuse retrasado polo parón administrativo do Covid-19.

A construtora, que está a realizar no centro do municipio unha urbanización de chalés, deberá abordar o 60% dos traballos que faltan para concluír o edificio tras cesar a anterior adxudicataria oficialmente en decembro de 2019. Precisamente, a Deputación de Pontevedra comunicou a semana pasada oficialmente ao Concello de Nigrán a decisión aprobada no pleno do 29 de maio de prorrogar o prazo para ter rematada a Biblioteca ata o 31 de decembro de 2021 e non o 31 de maio acabada de 2020, tal e como estaba estipulado nas bases do Plan de Reequilibrio. Esta ampliación garante ao Concello manter esta subvención aprobada polo ente provincial no 2017 e que está destinada á mellora de equipamentos, servizos ou dotacións singulares para municipios de menos de 20.000 habitantes, e que en Nigrán supón que o Concello asuma o 20% do custe de construción da Biblioteca e a Deputación o 80% restante.

“Estamos moi agradecidos de que a Deputación de Pontevedra aceptase a nosa petición de prórroga e que así se aprobase. Tal e como eles mesmos indican no seu acordo plenario, e como recollen todos os informes técnicos, o retraso na construción da Biblioteca de Nigrán non é imputable á debida dilixencia na execución do plan previsto. Agora seguimos adiante grazas a aplicar o mesmo lema que levamos aplicando durante toda a crise sanitaria: paciencia, cariño e calma”, indica o alcalde, Juan González, en referencia ao cese da adxudicataria (co seu conseguinte parón e convocatoria de nova licitación das obras) e o posterior estado de alarma que suspendeu os trámites administrativos. “Esta ampliación danos un gran respiro porque si que poderemos cumprir”, conclúe.

Edificio bioclimático

O novo edificio exponse nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.

O proxecto contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Cun deseño minimalista na que a fachada exponse de granito silvestre e cunha planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, consta de catro andares sen soto. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.