Nigrán non permitirá fogueiras de San Xoán nas praias

Nigrán só permitirá que se celebren as fogueiras de San Xoán en barrios, parroquias ou as realizadas a través de asociacións culturais ou veciñais e descarta a celebración da noite máis curta do ano a pé de area. Precisamente a medida está pensada para disuadir aos incondicionais das fogueiras en Praia América e Panxón, puntos de máxima concentración de persoas durante a xornada festiva.

Do mesmo xeito que o ano pasado desde a Administración local lanzarase unha campaña aínda que nesta ocasión non terá como lema “San Xoán sen lixo”, senón que se levará a cabo para convencer aos que non poidan resistirse á tentación de acudir aos areais dicindo un “ata pronto” aos máis atrevidos. A pesar de que as liñas da mensaxe de concienciación aínda está por definir, González adiantou que se levará a cabo un reforzo policial para que ningunha persoa acceda aos areais aínda que non se estenderá durante toda a noite, senón que se concentrará ao seu inicio cun claro enfoque disuasorio. “Sería unha irresponsabilidade convidar a unha aglomeración de tal calibre, estamos a falar que en anos anteriores chegamos ás 15.000 persoas a pé de area e dado o contexto sanitario actual é impensable”, aclarou.

Tal e como era de esperar tampouco se instalarán as atraccións que desde tempos inmemoriais invaden de maneira ininterrompida os espazos de Panxón e o paseo marítimo polo mesmo motivo, e que habitualmente tiñan unha duración de cinco días comezando a véspera do día sinalado. O rexedor a pesar de que aposta por unha axenda de actividades lúdicas para o verán con garantías de seguridade, adiantou que esta situación manterase polo menos durante todo o verán sobre a totalidade das festas patronais das parroquias como a de Praia América en xullo, Vilariño esta fin de semana, Camos, as Angustias ou Priegue, entre outras.

Este tipo de celebracións levan aparelladas ademais as súas tradicionais verbenas e tampouco serán unha excepción xa que ademais dos riscos que conlevan no seu desenvolvemento tampouco dispuxeron do tempo para colleitar diñeiro co que financialas. Por iso desde a Administración local puxeron en marcha a iniciativa “Música nas parroquias” coa que sufragarán os concertos das bandas de música os días sinalados ás 13:00 horas e comezando desde esta mesma fin de semana. González aproveitou para aclarar que serán as propias parroquias as que xestionen as súas celebracións litúrxicas deixando aberta a porta para as que queiran celebrar misas ou procesións. Inicialmente a campaña ía comezar esta fin de semana, o sábado en Vilariño e o domingo en Chandebrito por San Xosé. Con todo a crise sanitaria levou ao párroco a anular a eucaristía e posterior saída á rúa, no primeiro caso, co que só haberá concerto, mentres que no segundo directamente non se celebrará como estaba programado e quedará posposta para o 16 de agosto.

Anuncios