A Xunta investirá 250.000 € na renovación da carpintaría exterior do IES Primeiro de Marzo

A Consellería de Educación, Universidade e Formación profesional investirá 250.000 euros na renovación da carpintaría exterior do IES Primeiro de Marzo de Baiona, a través do Plan de Reactivación do Sector da Construción para a mellora dos Centros Educativos, analizado este venres polo Consello da Xunta, que elevou a máis de 51 millóns de euros o investimento en obras e equipamento. No marco do Plan de Reactivación e Dinamización de Galicia, o departamento educativo da Xunta inxectará 30 millóns máis dos previstos inicialmente para este ano, co fin de favorecer a creación de emprego, especialmente entre as pequenas e medianas empresas.

Este programa de obra pública supoñerá actividade para máis de 650 empresas, das que máis do 70% poderán ser pemes con domicilio en Galicia, e emprego para preto de 5.000 persoas. De feito, este programa de obra pública supoñerá actividade para máis de 650 empresas, das que máis do 70% poderán ser pemes con domicilio en Galicia, e emprego para preto de 5.000 persoas. O investimento en obras previsto ata o momento para o ano 2020 ascendía a 21.689.045,09 €, con 248 actuacións previstas. Co novo paquete de medidas o investimento elevarase a máis de 51 millóns de euros, e realizaranse 535 actuacións de obra e equipamento.

As novas actuacións divídense en 4 categorías: rehabilitacións integrais, ampliacións e reparacións; actuacións de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM); rehabilitacións sectoriais (nova categoría); equipamento e maquinaria de simulación para ciclos de Formación Profesional.

Os traballos no instituto baionés están incluídos dentro da nova categoría, as obras de rehabilitación sectorial, cuxo obxectivo é impulsar as pequenas e medianas empresas, ao tempo que se axilizan os trámites para acadar unha execución máis rápida. Serán un total de 34 obras por un importe aproximado de 8,5 millóns de euros, que se centrarán nas problemáticas máis comúns nos centros: cubertas, carpintarías exteriores, iluminación eficiente, aseos, reparacións pequenas e pintura.

O orzamento calcularase facendo unha extrapolación das partidas e prezos dos proxectos xa testados de rehabilitación enerxética e integral. Dado que son obras que non afectan a estrutura e estanquidade; substituirase a licenza municipal por comunicación previa, co fin de acurtar prazos. Ademais, para a axilización dos trámites agruparanse as licitacións –que serán abertas e tramitadas polo procedemento de urxencia, o que reduce os prazos a 13 días– en 4 contratos tipo: proxecto de rehabilitación sectorial de carpinteira exterior, de substitución de cuberta, de substitución de luminarias e de acondicionamento xeral.