A Deputación aproba dous novos investimentos para Baiona por máis de 150.000 €

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Aparcadoiro do Aral.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou novos investimentos por case 3 millóns de euros, no marco do Plan Concellos 2020, beneficiando a 15 concellos da provincia: Arbo, Baiona, Cambados, A Estrada, A Lama, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Vilaboa, Barro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Guarda, Lalín, Mondariz-Balneario e Mos. Once das achegas corresponden á liña 1 de investimentos do plan provincial. Así, para Baiona aprobáronse dúas subvencións, unha de 95.741,25 euros con destino ao financiamento do subministro e reposición do equipamento de xestión e control de accesos ao aparcamento de Aral, e outra de 60.591,96 para a mellora da pavimentación e seguridade viaria da rúa Urgal, en Belesar.

Bases de “O teu primeiro emprego” para concellos

A Xunta de Goberno aprobou as bases de “O teu primeiro emprego” para concellos de menos de 50.000 habitantes. “Estamos a falar dun orzamento de preto de 2 millóns de euros e da creación de 160 postos de traballo a través dun contrato en prácticas”, detallou a presidenta Carmela Silva. Os concellos de ata 10.000 habitantes poden contratar a dúas persoas e os de entre 10.001 e 50.000 poden contratar a 4. Os concellos completarán o custe laboral segundo categoría polo convenio colectivo aplicable e a cota da seguridade social.

Como novidade Silva subliñou que “este ano, nas bases tanto da Deputación como dos Concellos, imos a establecer mecanismos para favorecer a inclusión das persoas que teñen diversidade funcional”. No caso das prazas na Deputación de Pontevedra explicou que “cando as aprobemos reservaremos un número de postos” e no caso dos concellos “recomendámoslles que tomen decisións para favorecer a inclusión”.

Son os concellos os encargados da selección das persoas, a través da presentación da oferta no Servizo Público de Emprego, e o prazo de presentación de solicitudes para concellos será de 10 días hábiles dende a publicación da convocatoria no BOPPO.