Homenaxe á profesora María Teresa Lillo Pichel no Alto da Groba

Un grupo de antigos membros do profesorado e alumnado do IES Primeiro de Marzo de Baiona celebrou este sábado unha homenaxe a María Teresa Lillo Pichel, profesora deste centro educativo. O acto tivo lugar na Caseta do Montouto, no Alto da Serra da Groba, dominando a comarca natural do Val Miñor, tendo como única intención honrar a memoria desta benquerida profesora, amiga e compañeira dos seus no aniversario do seu pasamento, o 6 de xuño de 2019, con 59 anos de idade.

Precedida por unha presentación previa a cargo de Anxo Rodríguez Lemos, historiador e un dos seus alumnos, a xornada ao aire libre abriuse cunha lectura pública de poemas e a posterior apertura do micrófono ao público asistente, provisto de máscara protectora e mantendo sempre as distancias recomendadas polas autoridades sanitarias, baixo un espazo titulado Ronseis de Tere, tempo dedicado a compartir anécdotas, recordos, palabras ou simples marcas que, “como unha gamela sobre as augas de Baiona, deixou en nós a mondaricense de corazón”.

As intervencións espontáneas foron pechadas coa interpretación do himno de Tere, a súa peza preferida da artista galega María Xosé Silvar (Sés), “Tempestades de Sal”. Natural de Mondariz Balneario, Teresa levaba 19 anos dando clases de Lingua e Literatura Galega no instituto baionés.

Anuncios