Esquerda Unida denuncia que as obras iniciadas hai mais dun ano para realizar un aparcadoiro de autocaravanas en Nigrán, estanse realizando nun terreo reservado para equipamento dotacional deportivo, segundo a documentación urbanística do Concello, e polo tanto non cumpren a normativa. Ademais, segundo o artigo 158 da lei do solo de Galicia as accións que constituían incumprimento das normas relativas ao uso que afecten a terreos cualificados como dotacionais, está tipificada como unha infracción moi grave. Neste aspecto lembran que non é a primeira vez que o Concello fai unha obra ao marxe da legalidade, tal como aconteceu hai anos cunha pasada corporación presidida polo Partido Popular.
Para José Cuevas, o goberno municipal recoñece implicitamente esta actuación ilegal, cando o alcalde declara na prensa que “tras consultar cos técnicos municipais decidimos esperar e realizar o cambio necesario na ordenación do SAU para incorporar ese uso ao terreo”, o que pon de manifesto que, como xa aconteceu en máis ocasións en Nigrán, modificarase a normativa urbanística para legalizar situacións non permitidas. Neste punto lembra que non é a primeira vez que en Nigrán apróbanse modificacións urbanísticas, tanto por parte de gobernos do PP como do PSOE, que van permitir a legalización de obras ilegais, modificacións realizadas.
“Se a obra do aparcadoiro puidera realizarse legalmente, non sería necesario cambiar a ordenación nin estaría paralizada por unha denuncia”, sinala José Cuevas, voceiro de Esquerda Unida en Nigrán, para continuar sinalando que “o goberno municipal non pode tratar de eludir a súa responsabilidade na execución dunha obra ilegal, culpabilizando da paralización a quen a denuncia”. “Con que autoridade moral pode esixirlle á veciñanza o cumprimento da normativa urbanística cando é o propio goberno municipal quen comete infraccións cualificadas como moi graves segundo a lei do solo de Galicia”, finaliza Cuevas.

