Primeiros peches na hostalería de Baiona

O camiño á nova normalidade é para moitos hostaleiros un hándicap difícil de soster. Cambios constantes que se traduciron nun baile de cifras de aforo, modificacións na dinámica de traballo ou intensificación das normas sanitarias, e todo tras dous meses coa porta pechada. Polo momento os establecementos que van salvando a situación son aqueles que dispoñen de terrazas, e no caso de Baiona, moitos deles enfróntanse a un futuro incerto, en parte por unha configuración na que a amplitude que permita manter a distancia social non é o seu punto forte.

Este diario puido constatar que aquí polo momento polo menos catro deles non abrirán as súas portas ao público, entre eles figuran locais emblemáticos como o “Cais” e o bar “Baíña” ou o “American Custom”. A pesar de estar situados en diferentes puntos do centro urbano, a grandes liñas todos teñen o seu denominador común na falta de espazos libres ao dispor dos seus clientes.

O alcalde Carlos Gómez explicou que ademais das fochancas impostas de maneira necesaria para acabar coa pandemia existen outros condicionantes que se empezan a ver desde estes momentos e coa tempada alta ao virar a esquina, como poden ser a renovación de alugueiros sen ter en conta o novo contexto ou a posta en escena da nova realidade enfocada a este sector. “Sabemos que a volta á normalidade que temos diante traerá nun prazo moi breve de tempo momentos difíciles para moitas persoas”, explicou. Neste sentido Gómez adiantou que continúan adecuándose aos avances e traballan na posibilidade de recuperar algunhas das actividades lúdicas típicas do verán que funcionen como catalizador de bares e restaurantes ademais das medidas para implantar no casco antigo, o máis condicionado cando se fala de espazo. Nesta liña o rexedor confirmou que apostarán pola responsabilidade individual para que leve a cabo o cumprimento das normativas, sen descartar sancións para aqueles que non o fagan deste xeito. Por agora medidas como a implantación do sentido único en rúas da zona antiga quedarán aparcadas á vista de como se desenvolvan os acontecementos. “A única maneira de garantir unha seguridade interpersoal é que todos cumpran coa súa parte, e é polo que imos apostar”, aclarou.

Plataforma de venda online

Gómez, do mesmo xeito que os seus homólogos de Nigrán e Gondomar, ve no comercio online unha ferramenta que poida beneficiar aos comerciantes e acaba de asinar un convenio coa plataforma DBarrio, que xa ten cobertura en toda a comarca, para subvencionar as cotas durante un período dun ano a 50 establecementos e deste xeito poidan vender os seus produtos tanto dentro como fóra do Val Miñor.

Polo momento adheríronse un total de 31 negocios de diferentes sectores que xa están a operar desde hai días, e desde a Administración local están a estudar o encaixe que lles permita o financiamento dos portes do servizo co fin de atraer máis clientela.