Gondomar celebra o Día Mundial do Medio Ambiente plantando árbores

O Concello de Gondomar celebrou este venres o Día do Medio Ambiente cun pequeno acto no que se plantaron dúas cerdeiras na contorna da estación de autobuses. Adhírese así á iniciativa europea na que se convida ás administracións locais a implicarse na promoción de medidas e obxectivos da Axenda 2030. No acto, ademais do alcalde, Paco Ferreira, e o concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, participaron a coordinadora de Teachers for Future España, Miriam Leirós, e pequenos do colexio Serra Vincios.

O concello súmase así ao proxecto #UnÁrbolPorEuropa promovido por Equipo Europa, unha asociación xuvenil que ten como obxectivo achegar aos máis novos aos procesos de toma de decisión na Unión Europea en materia ambiental, así como motivalos para lograr unha maior implicación. Idea na que incidiu Miriam Leirós, a coordinadora de Teachers for Future en España, quen subliñou a importancia de formar “desde a base, desde as idades máis temperás e os colexios aos nosos nenos e nenas en valores de defensa do medio ambiente, e na concienciación de coidar a biodiversidade”, lembrando que “episodios como o que parou as nosas vidas estes meses dependen diso”.

Encomiou a decisión do goberno de Gondomar de apostar por especies autóctonas para garantir o futuro dos nosos ecosistemas así como a súa clara implicación en iniciativas encamiñadas a fomentar a economía circular. De feito na plantación das árbores empregouse compost xerado nos composteiros comunitarios do concello, cos residuos orgánicos reciclados neles polos veciños.

Pola súa banda o alcalde, Paco Ferreira, asegurou que Gondomar quere ser “un referente na loita contra o cambio climático e a sustentabilidade, adiantándonos en alcanzar os obxectivos da Axenda 2030”. Nese sentido reiterou a importancia de que as administracións locais implíquense directamente nesta tarefa “sempre indo un pouco máis aló e facilitando ferramentas á sociedade, aos nosos veciños, para lograr a súa implicación e sensibilización”.

“A educación das novas xeracións é fundamental para garantir o futuro do noso planeta”, afirmou o rexedor, subliñando este punto do manifesto de #UnÁrbolPorEuropa no que se expón como metas “o aumento da conciencia social sobre a sustentabilidade no ámbito local e recoñecer o papel fundamental da mocidade en lograr este obxectivo”.

Anuncios