Os alcaldes socialistas da provincia responsabilizan a Feijóo de calquera consecuencia sanitaria das eleccións autonómicas

Os 21 alcaldes e alcaldesas socialistas, así como os/as tenentes de alcalde da provincia de Pontevedra, acordaron hoxe responsabilizar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de calquera incidencia sanitaria ou organizativa derivada da convocatoria de Eleccións Autonómicas para o 12 de xullo. Así o acordaron na xuntanza telemática celebrada co secretario xeral provincial, David Regades.

O Consello de alcaldes e alcaldesas socialistas expresou a súa perplexidade trala publicación dun confuso protocolo sobre seguridade sanitaria no Diario Oficial de Galicia e pola transmisión de instrucións informais para que sexan os concellos os que asuman a contratación dos servizos de seguridade, desinfección e limpeza dos colexios electorais coa promesa verbal de reembolso por parte da Xunta. A opinión unánime, expresada polo secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades, é que asistimos a unha improvisación do Goberno galego e “a un novo exercizo de escapismo dun Feijoo que, despois de convocar as Eleccións rompendo o consenso político e poñendo en risco a saúde pública, agora busca fórmulas para culpar aos concellos por se algo sae mal”.

Na xuntanza telemática participou tamén a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e, como invitado, o secretario xeral do PSdeG e candidato socialista á Xunta, Gonzalo Caballero. En tódalas intervencións houbo coincidencia en que as competencias na organización do “día D” son do Goberno galego e o único responsable da celebración de Eleccións nun escenario tan inseguro para a saúde pública é, exclusivamente, Núñez Feijoo.

David Regades subliñou o seu orgullo, como secretario xeral provincial, polo gran labor dos alcaldes e alcaldesas socialistas na xestión desta crise e tamén polo papel xogado pola Deputación, a única Administración que transferiu fondos directos e liquidez aos concellos. Os alcaldes e alcaldesas sentíronse sos e soas, sen apoio da Xunta, que non lles transferiu nin un só euro, e agora atópanse novamente coa táctica habitual de Feijoo, “que publicou un protocolo sanitario para o día da votación que suscita máis dúbidas que certezas e, diante do temor de que poida haber dificultades, vai preparando o terreo para botar balóns fóra”.

Varios alcaldes e alcaldesas socialistas xa teñen comunicado por escrito á Xunta de Galicia a súa negativa a asumir contratacións que corresponden á Administración convocante. Asemade expresaron a imposibilidade de cambiar os locais electorais dentro do prazo informal aberto pola Xunta, dado que moitos deles sitúanse en parroquias rurais onde non hai outra alternativa. Os locais do rural, explicaron, son, case sempre, antigas escolas unitarias ou casas do pobo, onde garantir a distancia social é imposible. A opción de trasladar aos electores, en gran parte xente maior, a outro colexio, á parte de imposible sería antidemocrático, coincidiron. Neste senso, a presidenta Carmela Silva apuntou, ademais, ás dúbidas xurídicas que suscitan os posibles cambios nos colexios electorais. “De que norma xurídica sacaron iso? Eu preguntei a varios expertos/as e dinme que iso non está previsto en ningún lado”.

Carmela Silva apuntou tamén as súas dúbidas sobre a anunciada revisión dos locais electorais por parte de técnicos/as en Prevención de Riscos e preguntouse se vai ser unha empresa privada (o que daría pé a unha estraña e sospeitosa privatización), ou persoal propio da Administración. Falou, ademais, da insólita situación en que quedarían os colexios que, unha vez revisados entre esta semana e a próxima polos “homes de negro”, non superen o exame. Ademais, non dubidou en cualificar como “auténtico comisariado político” a previsión, incluída no protocolo publicado, da designación de 133 “coordinadores” por parte das Delegacións Territoriais da Xunta, para supervisar a xornada electoral.

Aberración

O alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, cualificou como “unha aberración dende o punto de vista sanitario” esta convocatoria electoral. A Fegamp, que xa pediu unha xuntanza urxente ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, está proporcionando aos concellos a única información práctica da que dispoñen e asumindo un labor que debería estar realizando a Xunta de Galicia. Avogou Varela por que se amplíe ou se aclare o protocolo de xeito urxente.

O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, augurou que pode ser un “día D caótico” e con situacións insólitas como que haxa membros da mesa electoral que se neguen a sentar. Anticipou que só en Vigo precisaríanse 100 colexios electorais máis para poder cumprir coas normas sobre distanciamento establecidas no protocolo publicado pola Xunta. Coincidiu en que Feijoo debe dar aclaracións urxentes diante de tanta dúbida, porque o tema é “moi serio”. Na súa opinión resulta imposible cambiar os locais de votación cando a xente xa recibiu as tarxetas censais nas que se di onde hai que votar. Finalmente, apelou a importancia do mundo local durante toda esta crise. “Este país mantívose en pé grazas aos sanitarios, ao Goberno de España e aos concellos”.

Na xuntanza interviñeron varios alcaldes e alcaldesas que expresaron os seus temores sobre un anormal desenvolvemento da xornada de votación porque o que se constata sobre o terreo é que hai moita xente que ten medo de expoñer a súa saúde.

O Consello de Alcaldes/as socialistas expresou, finalmente, as súas reticencias sobre as garantías democráticas dos novos métodos propostos pola Xunta para solicitar e exercer o voto por correo. “As Eleccións son a festa da Democracia”, insiste David Regades, quen critica a introdución de elementos como a videoconferencia para a solicitude de voto por correo mediante representante ou a solicitude do voto por correo por certificado dixital. “Non parecen os mecanismos máis apropiados para a xente maior”, engade. Os/as socialistas esixen a máxima transparencia e alertarán de calquera irregularidade. Unhas reticencias que agrávanse polo feito de que a Xunta reservouse o nomeamento de tódolos representantes da Administración nas mesas electorais.

Anuncios