Nigrán abre mañá o prazo para presentar ofertas aos quioscos de praia do municipio

O Concello de Nigrán abre desde mañá e ata o 11 de xuño o prazo para a presentación de ofertas para explotar os quioscos de praia este verán, reducíndose a tempada de 5 a 3 meses co seu custe proporcional. Concretamente, se concederán do 1 de xullo ao 30 de setembro e non do 1 de maio ao 30 de setembro (como estaba previsto e como fora o ano anterior). A convocatoria foi publicada hoxe no BOP, abrindo así o prazo desde mañá para presentar ofertas. O Concello de Nigrán oferta 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón e 2 en Praia América) e un de venda de churros en Praia América, eliminando este ano o de deportes náuticos.

Así, o 20 de maio a Alcaldía de Nigrán emitiu unha resolución acordando a non suspensión dos prazos administrativos, entre outros, para o expediente de explotación dos quioscos. Para poder seguir adiante coa licitación, basicamente foron modificados estes tres aspectos: variar os importes do canon de saída dos diferentes lotes para que resultasen proporcionais á nova duración (varía o prezo mínimo de 1.500 € en Area Fofa a 14.400 € en Praia América), redución do prazo de presentación de ofertas a 5 días para poder cumprir co novo calendario (a publicación no BOP abrirá ese prazo) e a introdución, como obriga dos adxudicatarios, de asumir á súa costa o cumprimento da normativa referida ao Covid-19 que en cada momento resulte aplicable.

“Sabemos que este verán vai a ser diferente en Nigrán pero non queremos deixar de ofrecer este servizo de praia que dá traballo a diferentes familias e que, ao mesmo tempo, os bañistas agradecen”, indica o alcalde, Juan González.