Javier Losada aborda coa Policía Nacional a última fase da desescalada

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, abordou hoxe coa Policía Nacional a última fase da desescalada e o dispositivo para o próximo verán. Fíxoo durante un encontro na sede da Delegación do Goberno no que participou, entre outros, o xefe superior de Policía de Galicia, José Luis Balseiro.

Javier Losada agradeceu á Policía Nacional o traballo e a eficacia para reducir de maneira notable o impacto do COVID-19. De feito, subliñou a importante actividade desenvolvida desde o inicio do estado de alarma en marzo, en condicións excepcionais, que serviu para informar á cidadanía e previr condutas inapropiadas no control da pandemia.

Nese sentido, tras analizar a situación ata o de agora, o delegado do Goberno tratou o futuro inmediato. En concreto, a seguinte fase da desescalada, que será a última, centrou unhas previsións que xa teñen a vista posta na campaña deste verán. Nel, a Policía Nacional enfocará a súa actividade cara a un turismo seguro, con especial interese nas zonas de praia, onde o labor informativo e preventivo é máis importante.

Outro dos puntos de interese foi o próximo Xacobeo 2021. Aínda que faltan meses para o seu inicio, os preparativos xa empezaron e, nese ámbito, os da Policía Nacional son de crucial importancia. A celebración do evento contará cunha importante colaboración das forzas de seguridade, que xa traballan para lograr a máxima coordinación ao longo do evento.

O encontro enmárcase na rolda de contactos que mantén Javier Losada cos mandos das forzas e corpos de seguridade do Estado. Na reunión participou o xefe superior de Policía de Galicia, José Luis Balseiro; xunto aos comisarios de Lugo, José María Esteban; Ourense, Juan Carlos Blázquez; Pontevedra, Estíbaliz Palma; Ferrol-Narón, Jorge Rubal; e Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; ademais do inspector xefe e responsable en funcións de Santiago, Miguel Ángel Calvo.