A Praza de Abastos de Baiona segue sorprendendo coas súas campañas e iniciativas comerciais

O Mercado de Baiona incorpora novas vías comerciais para dar saída aos seus produtos. Da colaboración entre os distintos postos, xorden novas iniciativas: “Cociña Mercado” e “Mercado Solidario”. “Busquemos aquilo que nos permita crecer xuntos en lugar daquilo que nos permita manternos sos”, é a regra na que actualmente se basean os proxectos da Asociación de Praceiros, para fomentar a compra e o consumo de produtos de primeira calidade.

“COCIÑA MERCADO”

Peixes, mariscos, carnes, embutidos, xamóns, bacallau, froitas e verduras ecolóxicas, viños, conservas, licores, cervexas, pastas, legumes e moitos máis produtos, forman agora parte importante da “despensa” de materias primas da cociña do Mercado, podendo ser degustados nos comedores e terrazas do propio edificio multiusos, ademais disponse de servizo “take away” e de repartición a domicilio de menús e pratos preparados, polo que xa non hai escusa para gozar de produtos frescos e saudables.

“Cociña Mercado” é un proxecto que trata de converterse nunha alternativa adicional de venda á que se fai no propio posto. O compromiso dos locais de hostalería (La Micro e Ecoadega), que xestionan a cociña do mercado, é firme en servir pratos preparados, elaborados con produtos adquiridos nos locais da propia praza (Pescados Ana, Carnicería Cardiño, Daquí e Dacolá, “O Canizo”…), potenciando as vendas dos asociados. Así mesmo, se algún produto non pode ser fornecido no propio mercado, o local de restauración adquíreo de forma local, fomentando o comercio de proximidade.

“MERCADO SOLIDARIO”

Saben que a moitos dos nosos clientes cústalles desprazarse e máis aínda durante esta crise, por iso a Praza desde o primeiro momento puxo en marcha a campaña “Mercado Solidario”, achegando a compra e pratos cociñados a domicilio, a quen o solicitase, mesmo de forma eventual, tamén se dispuxo dun servizo de venda de artigos de limpeza e hixiene de primeira necesidade. A colaboración entre os distintos postos foi exemplar e séguense realizando de forma conxunta numerosas reparticións. Así mesmo o Mercado, en colaboración co Concello de Baiona, segue traballando en novos proxectos gastronómicos e culturais que se poñerán en marcha durante os próximos meses.

CAMPAÑAS COMERCIAIS

Na anterior campaña a Praza de Abastos convidounos a reciclar, agora “lévannos á cama”, e se facemos unha compra de máis de 20 euros en calquera posto convídannos a un café, sen dúbida un mercado con ideas e sobre todo con bos produtos.

2020-06-03 - cama alcaldeB

Anuncios