Nigrán obtén a aprobación definitiva da modificación das normas subsidiarias do planeamento urbanístico

O Diario Oficial de Galicia (DOGA) informa hoxe da aprobación definitiva das modificación puntual número 25 das normas subsidiarias de planeamento urbanístico do Concello de Nigrán, vixentes desde 1991. Esta modificación entrará en vigor en canto o texto completo sexa publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra nas videiras semanas. Paralelamente, o Concello de Nigrán continúa coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Urbanística de cara a obter a súa aprobación definitiva.

O Concello de Nigrán, a través dunha moción do goberno que nun primeiro intento foi rexeitada pola oposición, deu luz verde por unanimidade no pleno ordinario do 30 de setembro de 2019 á modificación das normas subsidiarias tras décadas sen actualizar (están vixentes desde 1991). Este cambio facilitará a tramitación urbanística aos veciños e porá fin a moitas incorreccións entre a norma escrita e a realidade.

Para o goberno local trátase dun asunto de «máximo interese» para os veciños, xa que abre un novo horizonte a moitos propietarios de vivendas anteriores a 1975 (consecuentemente sen licenza de ocupación) que desexan rehabilitala e que ata agora non podían, motivo polo que incluso entidades veciñais como “A Irmandade de Priegue”, “Monteferro de Panxón”, “A Camoesa” de Camos, “A Unión de San Pedro” ou “O Castro” de Chandebrito incidisen na importancia da modificación mediante escritos aos partidos da oposición xa que, inicialmente, non se amosaron favorables aínda que logo rectificaron.

“Era algo moi esperado e de enorme importancia, xa que moitos veciños estaban pendentes desta publicación para poder emprender determinados cambios nas súas vivendas ata agora non permitidos. Esta mañá xa recibimos moitísimas preguntas ao respecto e, desde o Concello, incidimos en que a aprobación é xa definitiva pero entrará en vigor en canto se publique no BOP, que será ao longo deste mes”, insiste o alcalde, Juan González.

No substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. Así, esta modificación rebaixa as restricións en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reduce os retranqueos, relaxa as condicións estéticas ou dá maior flexibilidade na mellora e ampliación de camiños por onde non poden acceder actualmente nin os vehículos de emerxencia sanitaria.

Na súa publicación de hoxe no DOG, a Concellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incide en que aínda que o estado de alarma decretado pola crise sanitaria do Covid-19 paralizou todos os procedementos, grazas a orde publicada o 27 de abril acordouse continuar coa tramitación de aspectos como esta modificación ao considerarse indispensable para o interese xeral.

Anuncios