O PP de Gondomar recorre a convocatoria e celebración do pleno extraordinario

O Partido Popular de Gondomar vén de presentar no Concello un recurso de reposición contra a convocatoria e celebración do pleno extraordinario do pasado 15 de xuño, ao considerar unha desviación de poder por parte do Alcalde, e vulnerando o dereito á participación política, con infracción do artigo 23.2 da Constitución Española.

O pasado 3 de marzo de 2020 o Partido Popular presentou no Concello de Gondomar unha solicitude de pleno extraordinario asinado polos oito concelleiros da oposición na Corporación Municipal. Este pleno debería ser convocado polo Alcalde dentro dos quince días dende a solicitude, tras o cal quedaría convocado para o 10º día hábil seguinte ao da finalización do prazo de 15 días, ás 12 horas. Ao non convocarse polo Alcalde o pleno para os quince días anteriormente mencionados, nin a convocatoria polo Secretario da Corporación para o décimo día hábil seguinte ao da finalización de dito prazo, ás doce horas, enténdense suspendidos os prazos de tramitación ao abeiro do punto 1 da disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo.

Neste caso, e debido a que en virtude dos artigos 1 e 2, e o punto 2 da disposición derrogatoria única do Real Decreto 537/2020 de 22 de maio, polo cal se prorroga o estado de alarma declarado polo Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo, a partir do 1 de xuño de 2020 vólvense activar os prazos administrativos suspendidos polo R.D. 463/2020 na súa disposición adicional terceira punto 1. Por isto, o prazo para a celebración do pleno estaría entre o 1 e o 9 de xuño e a convocatoria por parte do secretario sería a partir desta última data.

No escrito presentado pola voceira do PP gondomareño alegan ademais que non se puxo a disposición dos concelleiros a información necesaria para a celebración do pleno e acusan tamén ao Alcalde de non ter convocada a preceptiva Comisión Informativa do Pleno.

“Ante a convocatoria recibida presentamos dous escrito advertindo ao Sr. Alcalde dos erros cometidos coa mesma, e advertindo que de celebrarse o pleno non íamos asistir, como así foi. A mesma medida tamén foi adoptada polos restantes membros da oposición. O Sr. Ferreira está tratando, dende o minuto un desta lexislatura, poñer todas as trabas que pode para evitar ser fiscalizado pola oposición, denegando incluso a entrega de información, algunha dela pedida dende o mes de novembro pasado”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.