Nigrán subvencionará a entrada de 70 negocios locais na plataforma de comercio electrónico DBarrio

O Concello de Nigrán ampliará de 50 a 70 a cantidade de negocios locais aos que custeará a licenza para poder formar parte da plataforma de comercio electrónico DBarrio co obxectivo de que se adhiran a esta app que ofrece envío a domicilio e, con elo, fortalecer ao pequeno comercio. Deste xeito, o Concello de Nigrán inviste finalmente 4.000 € nas licencias dando cabida a todos os establecementos que se anotaron, ademais, tamén subvencionará a dous transportistas para que ao consumidor final de Nigrán non se lle engadan gastos de envío ás compras realizadas no Val Miñor, ofrecendo así unha vantaxe competitiva sobre outras plataformas e incentivando con elo a compra de proximidade (DBarrio está integrado por transportistas autónomos que ofrecen o seu servizo).

“A iniciativa que asumimos a petición da Asociación de Empresarios Ovalmi superou todas as expectativas ao apuntarse todo tipo de negocios que, en breve, ofrecerán os seus produtos ou servizos a domicilio”, explica o alcalde, Juan González, quen optou por “non deixar a ningún fóra” e ampliar 20 máis dos que inicialmente se comprometera o Concello. Entre eles hai todo tipo de establecementos hostaleiros, tendas de moda, centros de estética, tinturerías, librerías, tendas de aparellos electrónicos, mobles… “Haberá unha gran variedade, o que fará moi potente e moi atractiva a presenza de DBarrio en Nigrán”, engade.

Así, os 50 primeiros inscritos xa recibiron o luns unha carta onde se lles explica o procedemento para abrir o seu microsite dentro da plataforma de venta e onte se lles enviou a mesma documentación aos 20 restantes. Paralelamente, nas vindeiras semanas o Concello ofrecerá aos 70 inscritos un curso gratuíto sobre comercio electrónico co fin de que saiban rendibilizar ao máximo a súa presenza en DBarrio.

“O Covid-19 é certo que acelerou esta iniciativa e que subliñou a importancia de poder comprar a domicilio, pero o que buscamos é afianzar este comercio electrónico de carácter local e que permaneza como o xeito máis sostible e responsable de consumir empregando as novas tecnoloxías. Subvencionando o transporte, ademais, facemos que realmente sexa moi interesante para o cliente de Nigrán comprar no Val Miñor porque, a diferenza doutras plataformas, non lle supoñerá ningún custe extra o envío a domicilio das súas compras. Ademais, tratándose de comercio local, manéxanse tempos de envío que ningunha outra plataforma de carácter internacional pode superar, en menos dunha hora incluso o podes ter na casa”, incide o alcalde.

“En definitiva, trátase de adaptar ao pequeno comercio de Nigrán á realidade do comercio electrónico ofrecendo vantaxes tanto aos establecementos como aos clientes co obxectivo de promover as compras de proximidade tamén vía online como unha garantía máis de supervivencia”, resume.