Os albergues privados piden apoio económico á Xunta para sobrevivir á crise do Covid

Iago, Patri, Esther e Ivana, promotores do albergue Estela do Mar de Baiona.

En Galicia existen 72 albergues públicos, pero hai xa máis de 300 albergues turísticos privados, 90 deles están hoxe asociados a Agalber, que está sumando novos socios cada día, para buscar xuntos a maneira de sobrevivir a esta crise e conseguir que se escoiten as reivindicacións duns establecementos cun peso específico importante no sector, e fundamental no Camiño de Santiago. Son un colectivo que da traballo directamente a máis de 1200 persoas, gran parte delas en zonas rurais onde son o motor da poboación e contribúen a fixar poboación e o retorno de xente nova ao rural. Só nos albergues privados o pasado ano rexistráronse máis de 1.500.000 pernoitacións en Galicia. É unha rede de establecementos con servizos e instalacións de gran calidade que ofrecen máis de 13000 prazas, o 75% das dispoñibles en todos os camiños, e que facturaron en 2019 máis de 22 millóns de euros, xerando miles de empregos indirectos en empresas de servizos e provedores en toda Galicia.

O Camiño de Santiago en Galicia é por suposto o soporte principal da maioría dos albergues, de media máis do 90% dos clientes son peregrinos, e máis do 65% deles son estranxeiros. Por isto, mentres non haxa libre circulación de turismo internacional a maior parte dos establecementos serán economicamente inviables.

A característica principal destes establecementos é que están pensados para compartir, todos os espazos son comúns, por iso son os establecementos preferidos do turismo de xuventude e principalmente dos peregrinos, porque neles completan a experiencia do camiño compartindo, axudándose entre eles, cociñando xuntos, facendo vida en común con xente de todas as nacionalidades, culturas, e clases sociais, en definitiva socializando e contribuíndo a que o camiño sexa algo único e distinto que cada ano atrae a máis visitantes ao noso país.

Esta característica que lles define nesta crise é tamén o gran problema dos establecementos. Desde Agalber entenden que as medidas de distanciamento social son imprescindibles para evitar o colapso da sanidade e salvar moitas vidas, e por suposto os albergues que vaian abrir están dispostos a tomar todas as medidas de prevención e desinfección que sexan necesarias, para garantir a seguridade dos traballadores e dos peregrinos e turistas que aloxen.

Pero esta adaptación ás normativas de prevención e distanciamento social, terá uns custos que moi poucos poderán asumir. Cun prezo por cama moi reducido, uns aforos máximos inferiores ao 50%, e unhas previsións de chegada de peregrinos moi baixas, a viabilidade económica dos albergues para os próximos meses será moito máis difícil ca de calquera outro establecemento de aloxamento.

Moitos dos hospitaleiros, traballadores, propietarios e familiares son persoas de alto risco fronte o Covid, que en moitos casos non se expoñen nin sequera abrir porque non se ven capaces de reducir suficientemente os riscos, e temen non ser capaces de sobrevivir sen axudas económicas ata que o turismo e o camiño se recuperen.

No sector preocupa tamén que, cando chegue a vacina ou tratamento que agardan que permita ter un Xacobeo 2021 con peregrinos de todo o mundo, que non se atopen cun camiño sen albergues de calidade, sen suficientes prazas de aloxamento e sen os establecementos preferidos pola gran maioría deles.

Por isto, desde Agalber piden á Xunta que ademais dos 7 millóns de euros que se anuncia que se van investir nos 70 albergues públicos, (unha media de 100.000€ por albergue), que apoie tamén aos albergues privados con medidas económicas e apoio institucional coma por exemplo:

1.- Creación dun distintivo avalado pola consellería de Turismo, similar o Clean and Safe de Portugal, que sexa gratuíto e que distinga os establecementos que implementen os plans de continxencia e as recomendacións publicadas no manual de Albergues, para axudalos a transmitir a imaxe de seguridade que agora é imprescindible. Os pequenos establecementos neste momento non poden permitirse os altos custes que teñen os selos promovidos polas empresas certificadoras.

2.- Prestación por cese de actividade mentres non exista unha vacina ou tratamento para o SARS-Cov-2 para os propietarios de aqueles establecementos que o soliciten por ser persoas de alto risco (xente maior, con patoloxías de alto risco, etc) ou con persoas dependentes de risco a cargo, que non poderán volver á actividade sen poñer en alto risco as súas vidas.

3.- Novas liñas de financiamento do IGAPE avaladas pola Xunta sen intermediación de sociedades de garantía recíproca.

4. Plan de actuación en caso de que exista un positivo nalgún establecemento, con axudas económicas para a desinfección do mesmo, para o propietario durante o tempo que deba permanecer en corentena e tamén para os traballadores.

5. Subvencións a fondo perdido para adaptación ás novas normativas de hixiene e prevención de riscos ante o Covid-19, para a elaboración dos plans de continxencia co asesoramento de profesionais, e para a contratación de servizos e compra de equipos de hixienización e desinfección específica para Covid-19.

5. Axudas para dixitalizar os sistemas de check-in nos albergues, que eviten o contacto cos documentos dos viaxeiros, e se faga de maneira áxil sen colas e aglomeracións na recepción dos establecementos.

Tamén para a creación dunha App especializada para os albergues privados que permita aos peregrinos e outros clientes reservar con antelación e evitar a concentración da chegada en horas punta entre outras funcións.

6. Cursos interactivos de formación en limpeza, desinfección e prevención de contaxios por Covid-19, formación profesional en linguas estranxeiras para hostalería, de marketing e promoción online, de uso das redes sociais de empresa, de uso de ferramentas informáticas de xestión de hostalería, de calidade e excelencia no servizo o cliente, etc.

7. Campañas de promoción con posta en valor da calidade e o valor engadido que aportan os albergues á experiencia do Camiño. Apoio económico aos albergues para ter unha representación acorde á súa importancia nas feiras de turismo, especialmente nas dedicadas ao Camiño. Ata agora a axuda anunciada por parte da Xunta consistiu no envío dunha cantidade indefinida de máscaras e xel hidroalcohólico, e unha serie de Webinars xenéricos para todos os establecementos.

“Os albergues privados son os establecementos con máis dificultades do sector turístico para saír desta crise, e para conseguilo pedimos que se tomen medidas efectivas e con dotación económica o antes posible”, conclúen desde Agalber.

Anuncios