A Xunta financia con preto de 30.000 € unha nova unidade de atención temperá en Gondomar

A Xunta concede axudas aos concellos da área territorial de Vigo por valor de 227.498 euros para financiar unidades de atención temperá, concretamente para os concellos de Mos, Cangas e Gondomar, esta última de nova creación. Esta unidade está composta por unha Educadora Familiar, unha Psicóloga e unha Traballadora Social, que desempeñan a súa labor desde o pasado 1 de novembro de 2019 e ata o próximo 31 de outubro. O importe total que recibirá o Concello de Gondomar será de 29.275,14 euros.

No que atinxe ao conxunto de Galicia a cifra ascende a 2 millóns de euros para financiar 28 unidades de atención temperá, dez delas de nova creación. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a listaxe de concellos e agrupacións de concellos beneficiados desta liña de achegas cofinanciada polo fondo social europeo e coa que a cobertura deste servizo chega xa a 129 localidades da nosa comunidade.

Do importe total das axudas, 318.000 euros destínanse a financiar a decena de unidades de nova creación, sete en agrupacións de concellos e tres en municipios individuais, como é o caso de Gondomar no caso da área territorial de Vigo.

Ademais, esta rede galega de atención á infancia dispón tamén de recursos nos ámbitos sanitario, educativo e dos servizos sociais.

Prevención de trastornos

As unidades de atención temperá son fundamentais para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade. O Goberno galego segue a apostar por este modelo baseado na prevención, a identificación e o tratamento precoz para dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar estes menores.

A atención temperá facilítalles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos.

Anuncios