O CB Nigrán prepara a próxima tempada tras o parón polo Covid-19 coas pilas cargadas

Despois desta paréntese obrigada pola crise do COVID-19, a Directiva e Dirección Deportiva do Club Baloncesto Nigrán inicia o traballo de organización e planificación da nova tempada e están metidos xa de cheo na realización de diferentes reunións, configuración dos equipos en diferentes categorías, fichaxe de adestradores, captación de socios colaboradores e xestión do protocolo hixiénico/sanitario que deberá estar activo no momento no que se inicien os adestramentos de pretempada graduados de cada un dos equipos.

A previsión de inicio de pretempada será en principio o 1 de setembro, data que deu a Federación Galega de Baloncesto, baseado en criterios médicos/sanitarios (e que poderían variar), e que obrigará ao club para implantar as novas medidas de desinfección de material e de exhaustivo control cos xogadores do club, tanto na chegada ás instalacións do adestramento como á saída do mesmo.

Desde a categoría sénior masculina, pasando polos equipos júniores, cadetes, infantís, mini, premini e baby, iranse incorporando á actividade deportiva en diferentes quendas, en función ao comezo das súas propias competicións ligueiras. Máis tarde farano as escolas de baloncesto que o club ten nos diferentes colexios de Nigrán, ademais de en Coruxo e Gondomar, que serán os últimos en incorporarse e que forman a base sólida da pirámide de crecemento do Nigrán.

Así mesmo, está a traballarse tamén para manter a columna vertebral dos adestradores, que tan bo resultado están a dar co seu traballo diario, formando parte da filosofía implantada no club, e que son un gran activo para dar continuidade ao traballo programado desde a dirección deportiva, tanto a nivel técnico, táctico, físico como psicolóxico. Igualmente, está a organizarse a configuración dos equipos de cada categoría, tanto masculinos, femininos como mixtos.

Dentro da programación xa se están perfilando os primeiros trazos do xa habitual Torneo de Nadal “Encesta un Alimento”, que vai xa pola súa VII edición e que forma parte do calendario das vacacións do Nadal. Desde o club exponse unha tempada chea de novos e ilusionantes proxectos a pesar do modo tan inesperado en que acabou a tempada anterior e os novos retos que se presentan no inicio desta ante a nova realidade social e económica despois do COVID-19.

Pero iso non diminuíron, de ningún xeito, as ganas e a ilusión coas que o club inicia cada unha das súas tempadas, característica e aceno de identidade desta entidade deportiva.

Anuncios