Nigrán licitará os quioscos de praia reducindo a tempada de 5 a 3 meses

O Concello de Nigrán licitará os quioscos de praia tamén este verán reducindo a tempada de 5 a 3 meses co seu custe proporcional, concretamente, se concederán do 1 de xullo ao 30 de setembro e non do 1 de maio ao 30 de setembro (como estaba previsto e como fora o ano anterior). A convocatoria, que será estes días no BOP ao ser enviada onte de urxencia, tivo que ser actualizada ás actuais circunstancias ao ser imposible cumprir cos anteriores pregos elaborados antes da alerta sanitaria do Covid-19. O Concello de Nigrán oferta 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón e 2 en Praia América) e un de venda de churros en Praia América, eliminando este ano o de deportes náuticos.

Así, o 20 de maio a Alcaldía de Nigrán emitiu unha resolución acordando a non suspensión dos prazos administrativos, entre outros, para o expediente de explotación dos quioscos. Para poder seguir adiante coa licitación, basicamente foron modificados estes tres aspectos: variar os importes do canon de saída dos diferentes lotes para que resultasen proporcionais á nova duración (varía o prezo mínimo de 1.500 € en Area Fofa a 14.400 € en Praia América), redución do prazo de presentación de ofertas a 5 días para poder cumprir co novo calendario (a publicación no BOP abrirá ese prazo) e a introdución, como obriga dos adxudicatarios, de asumir á súa costa o cumprimento da normativa referida ao Covid-19 que en cada momento resulte aplicable.

“Sabemos que este verán vai a ser diferente en Nigrán pero non queremos deixar de ofrecer este servizo de praia que dá traballo a diferentes familias e que, ao mesmo tempo, os bañistas agradecen”, indica o alcalde, Juan González.