Voluntarios retiran 200 quilos de lixo do río Zamáns ao seu paso por Vincios

Voluntarios de Proxecto Ríos de Gondomar limparon esta ponte da Constitución varios treitos do río Zamáns á altura de Vincios, retirando 200 quilos de lixo, sobre todo plásticos. Reiteran o chamamento a poboación en xeral que dun xeito individual ou colectivo recollan lixo das contornas dos cursos fluviais.

Segundo recorda Pablo Casal, coordinador de Proxecto Ríos, “todas estas intervencións aínda que pequenas suman e fan que a saúde dos diferentes ecosistemas e, en consecuencia, a de todos nós, se beneficie”.

Así mesmo resalta a importancia da retirada dos plásticos dos leitos dos ríos e nomeadamente dos poliestirenos e polipropilenos, que teñen unha descomposición e un mimetismo moi acusado. “En moitos casos os peixes confúndeno e o consumen”.

Ademais, o domingo alertaron ás administracións competentes dunha posible vertedura de fecais no Zamáns. “A auga baixaba cun forte olor e cor gris”.

Anuncios