Iria Pazos, Iria Ludeña e Clara Rey, gañadoras do I Certame de Poesía Beatriz da Serra

Iria Ludeña, do CPI Cova Terreña de Baiona.

Este xoves reuniuse por medios telemáticos o xurado do I Certame de Poesía Beatriz da Serra, organizado polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos IES Escolas Proval de Nigrán e Terra de Turonio de Gondomar, e dirixido ao alumnado dos centros educativos do Val Miñor entre 9 e 20 anos. Despois das deliberacións, acordaron os seguintes premios:

MODALIDADE A:

⮚ 1º Premio: Iria Pazos Aniorte, alumna do CEIP Carlos Casares, polo seu poema “Paisaxes esquecidas”.

⮚ 2º Premio: Noa Sabín Cardoso, alumna do CEIP Carlos Casares, polo seu poema “Paxariños”.

MODALIDADE B:

⮚ 1º Premio: Iria Ludeña Pérez do CPI Cova Terreña polo seu poema “Unha gaiola de 50 paxaros”.

⮚ 2º Premio: Irene Pérez González do IES Terra de Turonio polo seu poema “Pombas e rulas”.

Por unanimidade, o xurado acordou facer unha mención especial para deixar constancia da excelencia dos poemas “Abismo” e “Atentamente, eu”, que non poden recibir premio por ser da mesma autora de “Unha gaiola de 50 paxaros”, Iria Ludeña Pérez.

MODALIDADE C:

⮚ 1º Premio: Clara Rey Barona do IES Escolas Proval polo seu poema “Dor”.

⮚ 2º Premio: Helena Iglesias Cabral do IES Escolas Proval polo seu poema “Tan só morren os do primeiro mundo?”.

Cos poemas premiados farase unha publicación impresa, que servirá para lembrar a Beatriz da Serra –a baionesa que se carteou en galego co Conde de Gondomar- e para a difusión dunha selección dos poemas presentados. O 1º premio en cada categoría está dotado con dúas antoloxías poéticas das voces máis novas, certificación acreditativa, unha peza de cerámica conmemorativa de Antón Román e máis dez exemplares da publicación dos poemas do certame, e o 2º, con dúas antoloxías poéticas das voces máis novas, certificación acreditativa e máis dez exemplares da publicación dos poemas do certame. Os premios serán entregados nun acto poético organizado polos centros convocantes.

O xurado estivo composto por Aurora Fontán Loureiro, profesora do CEP Neira Vilas; María do Carme Vilar Díaz, profesora de Lingua Galega e Literatura e coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI Arquitecto Palacios de Panxón (Nigrán); Natalia Vanesa Vargas González, profesora do CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán) e coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega; Santiago Veloso Troncoso, profesor de Lingua Galega e Literatura do IES Terra de Turonio de Gondomar, presidente da asociación Ponte… nas ondas!; e María Pilar Fernández López, profesora de Lingua Galega e Literatura no IES Escolas Proval de Nigrán.

CERTAME BEATRIZ DA SERRA. POEMAS PREMIADOS

CATEGORÍA A. ALUMNADO DE 4º, 5º E 6º DE PRIMARIA

1º Premio: Iria Pazos Aniorte, alumna do CEIP Carlos Casares, polo seu poema “Paisaxes esquecidas”.

PAISAXES ESQUECIDAS

Hai un monte nesta cidade
en auga de esquecemento.
Un monte que ninguén lembra
e non escoita nin un lamento.
O monte tiña árbores
árbores que están queimadas
as cinzas tinguen de negro
as paisaxes esquecidas.

2º Premio: Noa Sabín Cardoso, alumna do CEIP Carlos Casares, polo seu poema “Paxariños”

PAXARIÑOS

Á árbore da miña casa
un paxariño voou
ao cabo dun anaquiño
a paxariña chegou.
Os dous xuntos traballaron
noite e día sen parar
trouxeron ramas e paus
e folliñas para amar.

CATEGORÍA B. ALUMNADO DE 1º, 2º, 3º DE ESO E DE FP BÁSICA

1º Premio: Iria Ludeña Pérez do CPI Covaterreña polo seu poema “Unha gaiola de 50 paxaros”

UNHA GAIOLA DE CINCUENTA PAXAROS

Pasan, corren, voan
as piadosas horas,
pero dentro dunha gaiola
pesan máis do que voan.

Pasan, corren, voan…
Acaso esgótaselles o tempo?
Pero aquí dentro podo dicir:
“As horas dormen, e non voan”.

2º Premio: Irene Pérez González do IES Terra de Turonio polo seu poema “Pombas e rulas”.

POMBAS E RULAS

Xunto a unha pequena escola,
aquela árbore medraba.
Dando acubillo a paxaros,
que ás noites se refuxiaban.

Rulas que voaban e pombas pousadas,
a vila repleta de todas elas.
Dando vida ó ceo e ós balcóns
dábanlle un pouco de emoción.

Mención especial do xurado, Iria Ludeña Pérez do CPI Covaterreña polos seus poemas “Atentamente, eu” e “Abismo”.

ATENTAMENTE, EU

Quixera eu dicirlle, señor mariñeiro,
que a triste mociña do porto será a súa perdición,
mais serán as súas mans delicadas e a súa pel de porcelana
a cura ás súas terribles correntes salgadas.

Quixera eu dicirlle, señor mariñeiro,
que gardarei con puño de ferro o seu acérrimo corazón,
ese que eu, a súa mociña triste do porto,
gañou. Quixera vostede, ou quixera eu?

ABISMO

Nesa morea de cabelos,
negros como a plácida noite,
revoltos coma as escuras augas
dun río e as súas correntes….

Nesa morea de cabelos,
onde se enredan as estrelas,
desaparecen poderosos ventos.
É alí onde se perde a miña mirada.

CATEGORÍA C. ALUMNADO DE 4º DE ESO, 1º, 2º DE BACHARELATO E CICLOS FORMATIVOS

1º Premio: Clara Rey Barona do IES Escolas Proval polo seu poema “Dor”.

DOR

Berros de muller
Almas engaioladas
Silencios mortais

2º Premio: Helena Iglesias Cabral do IES Escolas Proval polo seu poema “Tan só morren os do primeiro mundo?”

TAN SÓ MORREN OS DO PRIMEIRO MUNDO?

Morrían e ninguén falaba
agora morren na nosa terra
e de súpeto recuperan a fala.

Anuncios