A historia de como un pequeno comercio de Gondomar gañou a Zara en estratexia dixital

Fai tres anos, a tenda Kukadas de Gondomar gañou o premio nacional en estratexia dixital, nos premios do Día da Internet, nunha final xunto a Zara. Agora, Raúl Perdigones, fillo de Olga López, a propietaria do establecemento, publicou un libro contando a historia, e recompilando todo o aprendido a modo de Guía, facilitando que calquera que queira comezar un comercio electrónico desde cero poida comezar desde unha posición moito máis forte.

En maio de 2017 celebrábase no Espacioo Fundación Telefónica de Madrid a gala de entrega da XIX edición dos Premios da Internet, conducida por Macarena Merlín, directora e presentadora do programa “Hablar por Hablar” da Cadena Ser. Olga López Alén viaxou ata a capital de España como finalista, sen imaxinar que podería vencer nun certame no que se presentaron compañías como Endesa, Mahou, ING ou a propia Axencia Tributaria.

Pero así foi, o xurado, composto por profesionais do sector, designados polo Comité de Impulso do Día da Internet, decidiu outorgarlle o premio. Kukadas é un pequeno comercio nado en Gondomar a finais de 2014 que foi galardoado na categoría de Mellor Estratexia Dixital en Tendas Online. Kukadas chegou á gala como finalista medíndose con nada menos que a tenda online de Zara.

Sen axuda externa de ningún tipo, só coa da súa familia, puxo en marcha a tenda online, de forma autodidacta e con moito entusiasmo. A supresión dos gastos de envío, a flexibilidade nos métodos de pago, e unha atención case presencial na rede a través do chat online, permitiron a esta tenda local repartir de forma exitosa pedidos por todo o territorio nacional.

Agora, o seu fillo, Raúl Perdigones, veciño de Gondomar aínda que actualmente traballando fóra, narra a vivencia de como comezou o ecommerce do pequeno comercio local, sen experiencia nin axuda profesional, e como dous anos despois gañaron o premio nacional do Día da Internet. “Aplicamos un pouco de enxeño para gañar espazo en radio e televisión, xornais dixitais, blogues e redes sociais, sen investir nada de diñeiro”.

O autor considera que mesmo se non se está interesado no comercio electrónico, trátase dunha divertida aventura, xa que “poucas veces vese a unha autónoma e o seu fillo inquieto xerar semellante ruído desde a nada”. Ademais, a lectura de como un pequeno comercio local compite con xigantes da internet e arrebátalles un premio nacional pode resultar inspirador para afrontar outro tipo de retos.

“Tras lembrar a miña aventura, o libro transfórmase nunha guía de como construír un comercio electrónico desde cero, só pagando polo aloxamento e polo investimento en márketing dixital. Toda a construción é con software gratuíto, e de forma que poidas facelo ti mesma ou ti mesmo. Como ter un site rápido? Como consigo tráfico web e clientes? Hai sistemas de puntos e fidelización de clientes? Podo ofrecer financiamento sen riscos? e iso do bitcoin? Como comezo a investir en márketing dixital? Necesito moito diñeiro? Por onde empezo? Todo o que me gustase ler nun só libro para aforrarme moitas horas de procura de información. Esta é a historia de Olga contra Amancio, David contra Goliat”, conclúe Raúl.

O libro está dispoñible en Amazon.

2020-05-29 - 219060351