Nigrán contará no mes de xuño cun novo “leira parking” céntrico público e gratuíto

O Concello de Nigrán contará ao longo do mes de xuño cunha nova leira céntrica que servirá de aparcamento público e gratuíto, cumprindo así a mesma función que o situado anteriormente na rúa Vilameán (cedido gratuitamente desde 2013 a decembro de 2019, cando quedou inoperativo porque a promotora propietaria do mesmo emprendeu as obras para construír 40 chalés pareados). O feito de que o concurso público convocado a inicios de ano para arrendar unha parcela con este fin quedase deserto permite agora o aluguer directo (o documento será asinado esta mesma semana). A nova leira, ademais, cumpre con todos os requirimentos que estipulaban aqueles pregos (céntrica, prezo taxado, fácil acceso…). Así, está situada na rúa Torriña (Vilameán) dispón de 2.500 metros cadrados nunha superficie chaira e se atopa á beira da PO-552, a menos de 150 metros lineais da Casa do Concello. A mesma será alugada por 6.137 €/ano (sen IVE) cunha duración de 1 ano prorrogable ata 4.

“O aluguer dunha leira por parte dun organismo público conleva unha tramitación transparente e o feito de que o concurso quedara deserto e o posterior estado de alarma retrasou todo, pero o importante é que Nigrán contará cun novo aparcamento antes da tempada alta do verán”, sinala o alcalde, Juan González. “Ter un espazo de aparcamento gratuíto para os veciños é unha prioridade porque somos conscientes do beneficio que supón para os que non viven no núcleo urbano e, consecuentemente, resulta fundamental para o comercio e empresas da zona, máxime con esta grave crise económica que trae o Covid-19”, engade. O certo é que a apertura deste aparcamento público e gratuíto no centro de Nigrán é unha cuestión moi demandada polos comerciantes do núcleo urbano e pola propia Asociación de Empresarios OVALMI.

A parcela da rúa Vilameán funcionou dende 2013 cunha media de 50 coches aparcados a diario (o dobre durante a tempada estival). Así, este novo espazo que alugará o Concello esta mesma semana non significará ningunha diminución da capacidade nin suporá ningún inconveniente para os usuarios, xa que se atopa igual de céntrica e cun acceso incluso mellor, ao estar á beira da PO-552.

Máis medidas

Esta iniciativa únese a outras medidas de apoio ao comercio local e a hostalaría que o goberno de Nigrán leva posto en marcha dende o inicio da pandemia co conseguinte estado de alarma: diferentes campañas para fomentar as compras no comercio de proximidade, aceleración na aprobación de licencias para novos investimentos no parque empresarial Porto do Molle, financiamento ao 100% da plataforma de venta online a domicilio DBarrio, rebaixa do 75% da taxa para todas as terrazas do municipio ou flexibilización na ampliación das mesmas… “Somos moi conscientes da dificilísima situación que afronta o tecido empresarial de Nigrán e continuaremos a levar adiante todas as medidas que desde o Concello podan axudar a superar esta crise”, conclúe o alcalde, Juan González.