O Concello de Gondomar traballa xa na adaptación das súas instalacións para cumprir as normas e requisitos que marcará a “nova normalidade” cara á que se camiña no proceso de desescalada tras a pandemia de COVID19.
Atendendo en todo momento os requisitos e recomendacións ditadas polas autoridades sanitarias dotaranse de biombos as oficinas municipais para garantir a seguridade dos traballadores e traballadoras, así como a de veciños ou veciñas que se acheguen a elas para realizar calquera xestión.
Ademais haberá dosificadores de xel desinfectante en todas as instalacións municipais onde tamén se empezaron a colocar carteis e sinais que marcan, e lembran, a distancia mínima de 2 metros que deben os cidadáns gardar entre si para evitar novos contaxios.
Medidas que foron abordadas na comisión de seguimento de COVID19 que, semanalmente vén celebrando no concello desde o inicio da alarma sanitaria, e na que, entre outras cuestións, este luns estudarase xunto aos responsables de departamento e técnicos a incorporación dos funcionarios ao seu posto de traballo no concello.


