Nigrán recibirá 129.000 € da Deputación para a restauración de sete lavadoiros

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de novas achegas por valor de 1.238.919,08 euros ao abeiro do Plan Concellos 2020, que beneficiarán neste caso a sete municipios da provincia: Nigrán, Mos, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Meis e Portas. Con estas axudas o ente provincial leva xa concedidos preto de 15,1 millóns de euros entre as tres liñas do Plan Concellos.

No caso da Liña 1 de Investimentos aprobouse para Nigrán unha subvención por un importe de 128.959,32 euros cos que a vila financiará as obras de mellora e restauración de sete lavadoiros municipais. O obxectivo de rehabilitar os lavadoiros é poñer en valor este patrimonio que, debido a engadidos moi posteriores a base de materias como formigón ou bloques, presenta unha imaxe de conxunto desvirtuada e carente de interese.

En concreto, o Concello intervirá nos lavadoiros de A Cruz, Suapena e Rial (Camos), Cabaleiro (Parada), Mestra Emérita e Alborés Pequeño (Priegue) e San Xoán (Panxón). O proxecto, asinado polo arquitecto nigranés Severo Fernández, contempla limpar e restaurar manualmente a cantería existente de todos eles (sen empregar máquinas hidrolimpadoras ) e eliminar e desmontar todos os elementos construtivos alleos ao lavadoiro orixinal. Así, nos sete lavadoiros se eliminarán as respectivas cubertas de formigón e cimentos porque non son orixinais do conxunto e lles restan valor para, a súa vez, construír novas cubertas a dúas augas (ou segundo a situación e tipoloxía) que serán de tella curva sobre listóns de pino e apoiadas sobre unha estrutura tamén de madeira. Este cambio, que conta coa autorización de Patrimonio, creará unha envolvente máis lixeira que contribuirá a por en valor o propio lavadoiro.

Ademais, no caso dos que teñen actualmente plaquetas ou muretes de formigón ou bloques, estes serán substituídos por granito e se eliminarán as pintadas ou graffitis se os hai, ademais de dotar a todas as contornas dos lavadoiros de puntos de luz.

Anuncios